Bueu convoca un novo certame de pintura para artistas noveis
Por Redacción
O Concello de Bueu abre o prazo do I Certame de Pintura "Otero Baena" para artistas noveis, co que se pretende contribuír a promover a creación artística ao tempo que se dá a coñecer a figura do artista local José Benito Otero Baena.
O certame vai dirixido a todos aqueles artistas noveis, maiores de 18 anos, que terán que enviar as súas propostas pictóricas "inéditas e orixinais" ata o 30 de abril. As mellores formarán parte dunha exposición na Sala Amalia Domínguez Búa.
A exposición poderase ver nas semanas previas ao 27 de xuño, data de nacemento do pintor e arredor da que tamén se organizará a gala de entrega do premio á persoa que resulte gañadora dun premio dotado con 1.500 euros.
Segundo establecen as bases, que se poden consultar completas na web municipal, o premio contará cun xurado de importante nivel, composto de recoñecidos artistas, ademais de representantes da Fundación Laxeiro, a Facultade de Belas Artes, ou o Museo Massó.
José Otero Baena faleceu no ano 2017 e era coñecido en Bueu a raíz do seu paso pola política e polo traballo na caixa de aforros, e no eido artístico foi considerado como o mellor espatulista da arte galega da época.
Chegou a recibir unha bolsa da Deputación de Pontevedra para estudar na Escola de Belas Artes de San Fernando, en Madrid, pero as obrigas laborais levárono a voltar á casa. Otero Baena considerábase un home de formación autodidacta que adoraba pintar paisaxes dunha gran variedade cromática.