RADIO.- O director da curta 'Rompente', preseleccionada para os Goya 2023, será titor na próxima edición de Novos Cinemas
Por Marisa Ciordia
A curtametraxe 'Rompente' estivo preseleccionada para a próxima edición dos Premios Goya. Finalmente non se atopa entre os cinco competidores, pero a súa traxectoria desde hai case un ano está a supoñer para o seu director "unha experiencia extraordinaria". Mantemos en PontevedraViva Radio unha charla distendida co cineasta de Simes (Meaño), Eloy Domínguez Serén.
'Rompente' estreouse en Málaga, onde obtivo a Biznaga á Mellor Curta. No circuíto galego acadou premios en Cans, Verín, Ourense ou o FICBUEU e tamén galardóns internacionais. Foi a súa primeira experiencia de ficción, así como de guionista e director ao mesmo tempo. Contou con Zeitun Films, produtores das primeiras películas de Oliver Laxe, Lois Patiño ou Eloy Enciso; e con quen xa está a preparar a súa primeira longametraxe de ficción. "Para min foi un orgullo que quixesen traballar conmingo", afirma.
'Rompente' está rodada na ría de Arousa, "é un tributo aos homes e mulleres do mar, ás paternidades/maternidades a idades temperás". Un tributo que protagonizan os debutantes Soraya Luaces e Sergio Baleirón. Este obtivo o premio ao mellor actor no Festival de Ourense, "fíxome moi feliz porque el é bateeiro, de Rianxo. Era a súa primeira experiencia como actor e por mor disto xa o chamaron para unha longametraxe. Foi a Madrid a estudar interpretación, estou moi feliz, moi orgulloso e moi agradecido polo seu traballo" explica Eloy.
Ata a data Pontevedra non exhibiu esta curtametraxe. Quen si ten confirmada presenza en breve nesta capital é o seu director. Eloy Domínguez será titor dos espazos de formación para novos cineastas que inclúe a próxima edición de Novos Cinemas, o Festival Internacional de Cinema de Pontevedra que se desenvolverá entre o 13 e o 18 deste mes de decembro. Sente "moi agradecido pola confianza sobre todo, porque é unha gran responsabilidade".
Este meañés é tamén un cineasta comprometido e explícao no podcast 'Cara a cara': "ademais do propio traballo hai unha parte de compromiso coa cultura, de compartir a nosa linguaxe. Tiven a fortuna de recibir mensaxes persoais de integrantes da Academia a quen admiro e que viron 'Rompente'. Que académicos de todo o Estado viran unha curta en galego, faime moi feliz".