O ilusionista Martín Varela, de tan só 17 anos, presenta en Pontevedra "Manifesto", o seu novo espectáculo
Por Redacción
Pontevedra e Vigo acollerán esta fin de semana senllas funcións de Manifesto, o novo espectáculo do ilusionista Martín Varela. No caso da cidade do Lérez, representarase no Centro Social Novacaixagalicia, situado na rúa Augusto González Besada, o sábado 14 de decembro a partir das 20.00 horas.
Logo do seu primeiro espectáculo, 15 ilusiones para una noche, Martín Varela regresa aos escenarios cunha nova e fresca proposta, a súa función Manifesto. Unha representación de ilusionismo que se afasta do convencional e que se inspira na pintura, a teoría teatral, a danza, a música e na ausencia de maxia; un espectáculo que fará que o espectador se sitúe ante a maxia desde un punto de vista diferente.
O que fai diferente esta produción é que coida ata o máis mínimo detalle, hai unha ampla variedade de efectos máxicos, todos eles de gran formato e innovadores creados especialmente para a ocasión.
Varela ofrecerá máis de vinte números cun ritmo de vertixe que provoca unha auténtica montaña rusa de emocións: aparicións en milésimas de segundo en calquera punto do teatro, poesía visual ou sereas e animais mitolóxicos que sorprenden. O artista sabe manter o contacto continuo co espectador, manteno atento e implícao coa frescura propia dun mozo de 17 anos.
As localidades para a función, a un prezo de oito euros, están á venda a través das canles habituais de comercialización de entradas da fundación galega: a web www.servinova.com, e a taquilla telefónica 902 504 500.