RADIO.- Ángela Banzas, a autora do misterio e a intriga na ría de Arousa
![Marisa](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/a3e/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/577155e6db-5735c17382-20160513-patxot-marisa-ciordia-203-ok-pontevedraviva.jpg)
Por Marisa Ciordia
A compostelá Ángela Banzas publicou o pasado setembro a súa segunda novela 'La conjura de la niebla' e vai xa pola súa terceira edición. Do mesmo xeito que no primeiro título da súa rúbrica, 'El silencio de las olas', Galicia pon escenario a senllas tramas de misterio. Na segunda é concretamente, a ría de Arousa. Vilagarcía e A Illa de Arousa serven de inspiración para recrear a Illa de Cruces
Unha paisaxe que resulta indispensable e que lle dá "ese punto de encanto que se vai coando en personaxes e nas tramas. Doutra forma sería imposible darlle vida a esta novela" dinos en PontevedraViva Radio a autora, sinalando que goza moito coa ambientación: "encántame o que me contan os lectores, que digan que lles transporto aquí, que o senten ou que teñen moitas ganas de vir".
Tamén hai un protagonismo coral feminino: a xuíza Casades, a súa nai e a súa avoa, a súa tía, unha adolescente que desaparece; Jackie, a amiga da xuíza. Hai tradición, mitoloxía, unha mestura do que a autora foi imbuíndo na súa vida e tamén da investigación realizada para desenvolver a novela. Neste punto emerxe Amaro, un curandeiro. "Pareceume sempre unha figura moi peculiar. Fóra de Galicia cren que é máis anecdótico ou afastado do hoxe do que están".
Ángela Banzas prefire evitar a denominación de thriller. Recoñece que efectivamente é un xénero que se le exitosamente e que "vive unha época dourada", pero engade neste podcast 'Cara a cara' que: "escribo novelas, historias e gústame dotalas de misterio, de intriga. Agora mesmo estou a escribir misterio pero iso non quita para que noutro momento estea a escribir outra cousa".