O Museo recolle na mostra 'Silverio Rivas. Eloxio do silencio' o espírito do taller do artista
Por Mónica Patxot & Redacción
O escultor Silverio Rivas ten este xoves 24 de novembro dous motivos de celebración: no día no que cumpre 80 anos, o Museo de Pontevedra inaugura a primeira exposición antolóxica da súa obra.
'Silverio Rivas. Eloxio do silencio' é unha mostra que percorre cinco décadas de creación dun artista de referencia, pioneiro na abstracción na escultura galega e que acadou gran popularidade polo carácter monumental da súa obra presente en espazos públicos.
A exposición, comisariada pola conservadora do Museo, Beatriz de San Ildefonso, inaugúrase este xoves ás 19.00 horas no Edificio Castelao, onde se poderá visitar ata o 5 de febreiro.
A mostra organízase en cinco espazos dentro da sala de exposicións temporais, ademais de varias obras que toman outros recunchos do edificio, como a espectacular 'Ayous ou Barca solar' situada no acceso á zona acristalada. En total son unhas 60 obras que abarcan todos os seus períodos e estilos creativos.
O director do Museo, José Manuel Rey, explica que a mostra "parte do noso labor de contribuír á difusión e a investigación da arte galega. A creación dos e das artistas do país ocupa unha posición central no discurso do Museo".
Beatriz de San Ildefonso explica que "esta é a primeira exposición antolóxica que se lle dedica a Silverio Rivas, pero as obras non están cronoloxicamente situadas, senón que quixemos seguir un pouco o espírito do seu taller, no que cada espazo ten a súa función".
Silverio Rivas engade que se fixo "unha cronoloxía á inversa: primeiro aparecen as pezas recentes e remátase coas primeiras. No medio hai pezas que non se corresponden cronoloxicamente entre elas pero dialogan".
XORNADA SOBRE ESCULTURA GALEGA
Ademais de visitas guiadas todos os sábados pola mañá, a mostra acompañarase dunha xornada de reflexión e debate sobre a escultura galega contemporánea. Será o 19 de xaneiro, organizada polo Museo de Pontevedra coa colaboración da Facultade de Belas Artes de Pontevedra.
Na xornada, Miguel Anxo Rodríguez González trazará unha breve historia da escultura galega contemporánea. Unha mesa redonda moderada por Xosé Manuel Buxán Bran, decano da Facultade de Belas Artes, xuntará ás artistas Amaya González Reyes e Basilisa Fiestras e ao escultor e profesor universitario Javier Tudela para debater sobre a escultura na actualidade.
A comisaria da exposición, Beatriz de San Ildefonso, disertará sobre a obra de Silverio Rivas. Pechará a xornada unha visita guiada á mostra a cargo da comisaria e do propio artista.