Piratas e xenios abordan Vilagarcía dende 'O libro máxico' de Migallas Teatro
Por Redacción
Este sábado, 14 de decembro, Migallas Teatro presentará en Vilagarcía de Arousa o seu espectáculo O libro máxico. Piratas, xenios e lámpadas marabillosas protagonizan esta historia teatral que se desenvolve por galaxias descoñecidas. Trátase dun espectáculo familiar e cómico no que a música resalta como un elemento fundamental. O dúo pontevedrés formado por María Campos e Carlos Yus conta a historia de Rosiña, unha nena que ten que quedar soa na casa e decide investigar nun baúl no que o pai garda numerosos obxectos. Alí encóntrase cun libro vello que, á medida, que é lido pola nena vai mostrando unha aventura de piratas para despois internarse en Arabia da man dun xenio e pasar por un circo cun can pallaso ata pilotar unha nave espacial por galaxias descoñecidas.
O argumento da peza teatral invita á lectura, ademais de conter elementos didácticos sobre a discriminación, o exceso de autoridade ou o compañeirismo. No espectáculo trátanse temas inspirados na realidade pero cunha visión imaxinativa.
A actuación será ás 18.30 horas e as entradas costan 3 euros. Xa se poden adquirir de maneira anticipada a través de Servinova e o día da función a partires das 16.30 horas na billeteira do Auditorio.