Aberta no Edificio Castelao a mostra que recolle unha escolma de 'O Museo en Camiño, volta á ruta'
Por Redacción
O primeiro andar do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra acolle desde este xoves 27 e durante un mes a exposición didáctica que ofrece un resumo do traballo que se executou co proxecto denominado 'O Museo en Camiño, volta á ruta', que se desenvolveu ao longo de dous meses para trasladar ao alumnado de Primaria e ás súas familias datos sobre o patrimonio que contén o Museo de Pontevedra en relación co Camiño de Santiago.
Ao longo da exposición obsérvanse as creacións elaboradas nos obradoiros familiares realizados en outubro no Museo coa participación de oitenta persoas e tamén material didáctico que o profesorado e as familias utilizaron nas actividades realizadas nos centros educativos que se atopan no roteiro do Camiño Portugués.
Taller Abierto e Paspallás son os colectivos que colaboran co Museo de Pontevedra para montar esta iniciativa que forma parte do Programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia.
A través de tres fases formadas por un programa didáctico itinerante, un conxunto de talleres de arte experimental e esta exposición, o programa moveuse por municipios como Barro, Catoira, Ponte Sampaio, Pontecesures e Cesantes. Un total de 170 estudantes de primeiro e segundo de Educación coñeceron a través de Raquel Queizás a colección do Museo.
Relacionadas:
-
O Museo de Pontevedra participa nun proxecto para mellorar a forma de impartir a materia de historia
Por Redacción |
-
O Museo programa catro obradoiros artísticos experimentais arredor do Camiño e dirixidos a familias
Por Redacción |
-
Un proxecto didáctico dará a coñecer o Camiño de Santiago e o Museo de Pontevedra entre o alumnado
Por Mónica Patxot |