A serie "Rapa" aterra no campus de Pontevedra para inaugurar a duodécima edición de Augal
Por Manu Otero
A duodécima edición da master class do audiovisual galego, Augal, que cada ano se organiza na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus Universitario de Pontevedra comeza este martes coa primeira sesión do visionado da serie "Rapa". Esta ficción producida por Movistar + proxectarase en tres sesións e estará complementada coa visita de diferentes membros do equipo de produción para analizar cos asistentes as reviravoltas deste produto.
Esta edición de Augal, que foi presentada este luns na Casa das Campás, consta de sete sesións. Tres delas estarán dedicadas á serie "Rapa", a cuarta centrarase na longametraxe "Welcome to ma maison", a quinta versará sobre a serie "Operación Marea Negra"; a sexta dedicarase ao visionado da película "Jacinto" e o ultimo día terá lugar o xa clásico certame de curtos elaborados polo alumnado da facultade.
Pepe Coira e Alfonso Blanco, guionista e produtor de "Rapa", serán os invitados deste martes. A segunda sesión, prevista para o día 24 de outubro, contará co director e montador da serie, Jorge Coira; que estará acompañado polos compositores Xavi Font e Elba Fernández. A terceira sesión será o 15 de outubro e contará coa presenza do sonidista Diego Staub e o encargado da posproducción da serie "Rapa" Alfonso Merino.
Andrés Goteira, director de "Welcome to ma maison", e os produtores Laura Doval e Suso López estarán en Pontevedra o 22 de novembro. Mentres que os produtores de "Operación Marea Negra" Mamen Quintas e Toni Veiga farano o día 28. Xa en decembro, o día 12 o director e guionista de "Jacinto, Javi Camiño, pechará o ciclo de proxeccións. O 14 de decembro pecharase Augal coa entrega de premios aos mellores curtos producidos polo alumnado.
"É unha sorte poder gozar dun programa como este, para nós é unha aprendizaxe e a min gustaríame ter estes programas cando eu era alumno en Madrid", recoñeceu o profesor Paulino Pérez, organizador de Augal xunto con Miguel Anxo Fernández, quen se mostrou orgullosos porque entre os invitados "hai talento da Facultade".
Estas master class están abertas a todo o público, o acceso a cada unha das sesións é gratuíto e os interesados poden inscribirse na propia facultade antes do inicio de cada acto. En principio o aforo do estudio de cinema no que se proxectarán as obras é de 70 persoas, pero se queda pequeno trasladarase ao salón de actos.
"Conectar ao alumnado cos profesionais do audiovisual galego" é o obxectivo principal de Augal, explicou a vicerreitora do Campus de Pontevedra, Eva María Lorenzo, para iniciar a presentación desta duodécima edición de Augal. Un discurso que compartiu tamén a decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Emma Torres, quen destacou o traballo dos profesores que levan doce anos organizando este evento que serve para "ver como podemos seguir mellorando o audiovisual galego".
O secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, presumiu do nivel e repercusión internacional do audiovisual feito en Galicia e destacou a importancia de Augal para achegar aos estudantes "como están organizados os produtos desde dentro", concluíu.