"Non eres o que sintes", unha exposición de Olaia Collazo para falar de saúde mental
Por Redacción
A alumna do C.I.F.P Carlos Oroza, Olaia Collazo, vén de crear e presentar a súa exposición fotográfica, "Non eres o que sintes" no marco do proxecto vencellado coa saúde mental e que presentou ante os compañeiros con motivo do Día Mundial da Saúde Mental o pasado luns 10 de outubro.
Esta consta dun panel interactivo para o alumnado e unha charla na que relata de primeira man a súa experiencia coa depresión. Para ela, falar de saúde mental é "investir en nós e no noso futuro coa utopía de cambiar o que pensa a sociedade. Os tabús. O estigma. O medo a falar e a ser xulgada".
Olaia espera que este proxecto sexa "o comezo dunha andaina" na que se cree unha rede de centros educativos nos que se aborde este tema "tan presente e importante, e para o que é vital tomar consciencia de todo o que se pode facer en materia de prevención co alumnado".
Esta foi xusto a razón principal que a animou a dar o paso de adicar un tempo a deseñar unha exposición fotográfica acompañada dunha enquisa e de relatos e poemas coa intención de tecer redes, cooperar e colaborar con institucións ou compañeiros do propio centro educativo.
Trátase de xerar un espazo de reflexión para compartir experiencias, e no que expresar pensamentos, emocións e vivencias sexa a base sobre a que se sustente o benestar mental.
Esta primeira charla espera fose a primeira, e plantéxase cedela e levala a outros centros educativos preocupados por abordar a saúde mental como parte do seu currículo.