Cora Velasco, Kalani e Os Xesteira súmanse á programación cultural do campus
Por Redacción
A artista pontevedresa Cora Velasco actuará este venres 14 ás 21.00 horas no Teatro Principal, con entrada libre ata completar aforo.
O concertó de Cora Velasco forma parte da programación cultural do campus de Pontevedra no ciclo "Músicas para reCREAr", que a Vicerreitoría impulsa xunto coa Concellería de Promoción Económica e Universidade..
Seguirana, neste mesmo escenario, o grupo de percusión Kalani, o luns 21 de novembro, e completará a esta programación o grupo de música tradicional Os Xesteira, que actuará no Principal o luns 19 de decembro.
"É un ciclo de concertos que tivo unha acollida bastante boa e co que queremos continuar", salienta o director de área adxunto á Vicerreitoría do campus, Luis Torres, dunha programación na que buscan "ir cambiando de estilos", co obxectivo de dar forma a unha programación cultural diversa e aberta a toda a cidadanía.
Para retomar esta programación tras o verán, apostouse por unha artista pontevedresa como Cora Velasco, "unha actriz e música e unha persoa moi involucrada no tecido cultural da cidade", sinala Torres. Tras iniciar a súa traxectoria musical baixo o pseudónimo de Cora Sayers e ofrecer máis de 200 concertos, realizar dúas xiras por dez países europeos e editar tres gravacións, decidiu dar un xiro á súa carreira en 2018, cando adopta o nome de Cora Velasco e publica Sortilegios, presentado como "o seu traballo máis persoal". Esta gravación levouna ata festivais como Portamérica ou o Festival da Luz nos últimos anos, nos que combinou as súas actuacións coa produción de novas cancións.
Kalani Percusión é un grupo de artistas xurdido da Escola Municipal de Música de Caldas de Reis, e Os Xesteira son una formación que integran o gaiteiro Xaquín Xesteira, un dos fundadores de Treixadura e profesor da Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Tradicional, xunto cos seus fillos Anxo e Roi, ao acordeón e o bombardino, respectivamente.
Relacionadas:
-
Volve 'Jazz no Principal' con Abe Rábade e Paco Charlín para celebrar 20 anos de ciclo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
RADIO.- Cantar en eúscaro, galego ou catalán "non é reivindicación, é o simple feito de existir"
Por Marisa Ciordia |
-
'Música nos bares' devolve os concertos en directo ao centro histórico
Por Alejandro Espiño |