Miguel Ángel Silvestre rodará en Pontevedra a segunda tempada de "Los enviados"
Por Alejandro Espiño
Pontevedra foi elixida de novo, tras o paso de Un asunto privado, como escenario de rodaxe para unha serie de televisión. As produtoras 100 Bares e Portocabo rodarán na cidade a segunda tempada de Los enviados, protagonizada por Miguel Ángel Silvestre.
O popular actor, coñecido polos seus traballos en Sin tetas no hay paraíso, Velvet, Sense8 ou, máis recentemente, 30 monedas ou Sky Rojo, encabeza o elenco desta produción, cuxo máximo responsable é o director arxentino Juan José Campanella (El secreto de sus ojos).
Na nova tempada desta serie, que emite a plataforma Paramount+ nos Estados Unidos, participan ademais Luis Gerardo Méndez, Assira Abbate, Marta Etura, Susi Sánchez, Francis Lorenzo, Pepón Nieto, Pepo Suevos, Charo Zapardiel, Cristina Marcos, Ricardo de Barreiro, Isabel Naveira, Miquel Insúa, Martí Cordero, Guillermo Carbajo, Carlos Olalla e Luis Iglesia.
A ficción rodarase ata finais de decembro en diferentes localizacións de Galicia, entre as que ademais de Pontevedra atópanse Forcarei, Nigrán, A Guarda, Tui, Oia e Santiago.
"Galicia é un lugar fermoso, todas as localizacións onde estamos a gravar son marabillosas. Estamos moi felices de estar aquí e esperamos que esta segunda tempada teña aínda máis éxito que a primeira", sinalou Campanella.
Os novos episodios de Los enviados manteñen aos protagonistas da súa primeira entrega, os curas Simón Antequera (Miguel Ángel Silvestre) e Pedro Salinas (Luis Gerardo Méndez), encargados de investigar presuntos milagres que suceden no mundo.
Nesta segunda tempada, trasladaranse a Galicia para determinar a veracidade dun milagre ocorrido nun convento onde viven tres monxas cegas.
Pero, ao pouco de chegar, prodúcese unha estraña morte na vila. Así, atópanse envolvidos nunha dobre investigación: unha de carácter místico e outra moito máis terreal e concreta, relacionada con ese asasinato.
Juan José Campanella, que será o 'showrunner' da serie, tamén será o encargado de dirixila xunto a Martino Zaidelis, Camilo Antolini e Inma Torrente, e de escribir os guións con Eduardo Sacheri, Emanuel Díez e Juan Pablo Domenech.
Relacionadas:
-
Primeiras imaxes de 'Los Enviados', a serie que Miguel Ángel Silvestre rodou en Pontevedra
Por Redacción |
-
Miguel Ángel Silvestre ponse en forma en Campolongo
Por Redacción |
-
Aura Garrido, ante a estrea de Un asunto privado: "É parecida ás películas de aventuras clásicas"
Por Alejandro Espiño |
-
Amazon desvela as primeiras imaxes da serie "Un asunto privado", gravada en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Bambú pon os seus ollos sobre Santa Clara como escenario dunha posible rodaxe
Por Alejandro Espiño |