Pontevedra recibe 'El manual de la buena esposa'
Por Redacción
O Centro Social de Novacaixagalicia en Pontevedra acollerá o próximo 11 de decembro a obra teatral dirixida por Quino Falero El manual de la buena esposa.
Esta comedia que fala, fundamentalmente, sobre a muller española e os tempos que lle tocou vivir dende 1934 ata 1977. Tamén fala das relacións matrimoniais, o deporte, a relixión, a invasión das suecas, a censura, a radio, a sexualidade e ata dos coros e danzas.
O humor, que é o fío condutor da obra, permite ao seu director falar de temas moi serios coa facilidade que tan só concede a risa. A obra non xulga á sociedade da España daqueles anos, simplemente dá voz a tres mulleres que viven situacións cotiás e a través delas os espectadores poderán tirar conclusións.
Así, Mariola Fuentes, Berta Ojea e Concha Delgado convértense en diferentes personaxes que representan os diferentes modos de vida dun pasado que aínda está moi preto de nós. Elas sobre o escenario serán nenas, mozas que aspiran a un posto na Sección Feminina ou aplicadas esposas que procuran a felicidade do seu cónxuxe, tamén serán transgresoras das normas impostas en materia de relixión ou sexo.
En definitiva, representarán mulleres reais que buscan un ideal, aínda que, ás veces, sexan cuestionadas. Os programas radiofónicos, a música das diferentes épocas e os costumes sociais quedan perfectamente reflectidos nesta obra fresca e orixinal que sacará o sorriso do espectador.