A mostra 'Obra Viva' do Clube Mariño Salnés inaugúrase o venres 9 no Pazo Torrado
Por Redacción
O Clube Mariño Salnés inaugurará este venres 9 de setembro, ás 20.00 horas, no Pazo Torrado unha mostra fotográfica titulada 'Obra viva', coa intención de divulgar e poñer en valor as embarcacións tradicionais de Cambados.
Este colectivo convida a toda a cidadanía do municipio para achegarse por esta exposición que permanecerá aberta ata o domingo 2 de outubro.
O Clube Mariño Salnés é unha agrupación fundada en Cambados no ano 1998 coa intención de navegar en embarcacións tradicionais, restauralas e difundir a importancia destes elementos tan característicos da cultura mariñeira galega. Entre outras actividades, todos os veráns poñen en marcha unha escola de vela tradicional con gran aceptación na comarca do Salnés.