Unha 'foliada diversa' retomará os Vermús de Pinto e Maragota en setembro
Por Redacción
O campiño de Santa María acollerá o domingo 11 de setembro ás 12.30 horas esta nova actividade dos Vermús de Pinto e Maragota coa colaboración da Asociación Cultural Trépia nunha festa onde se cantará á diversidade a ritmo de xotas e muiñeiras.
Esta actividade impulsada pola concellería de Igualdade de Pontevedra coa intención de fomentar a diversidade sexual e de xénero propón, nesta ocasión, unha combinación da tradición cultural galega con elementos de reivindicación da diversidade.
Yoya Blanco, concelleira de Igualdade, sinala que se trata dun espectáculo para todas as idades e anima a toda a cidadanía a participar neste evento porque é unha "garantía de diversión".
A Asociación Cultural Trépia realiza proxectos artísticos como Projecto Trépia con elementos de baile e música tradicional mesturando nova creación con repertorio clásico e recibiu varios recoñecementos en certames creativos. Nesta ocasión, desde o colectivo convidan a que as persoas interesadas saquen as gaitas, as cunchas, os pandeiros e as plumas para participar desta Foliada Diversa, aberta a todo o público.