A panca do humor móvese en Vilagarcía co arranque do Festaclown
Por Redacción
Este mércores inaugurábase o Festaclown en Vilagarcía de Arousa, unha cita coa risa, a acrobacia e o espectáculo que se estende polas prazas e rúas da vila durante estes días ata o domingo 21, cando conclúa cunha Gala contra as guerras, na praza de Galicia.
O acto inaugural correu a cargo de Pallasos en Rebeldía, Clámide, Desastroanuts e CAI Princesa Letizia. Ao longo da primeira xornada, Fran Boza, Desastronauts e Entre nous ofrecían as súas propostas destinadas a fomentar a diversión con imaxes sorprendentes.
Este xoves, Fran Rei ofrecerá 'Os contos de Barriga Verde' a partir das 11.00 horas na Residencia Divina Pastora nunha actividade destinada a persoas usuarias deste centro. Á mesma hora, o Parque Hernández acollerá a montaxe de Jara Ortiz titulado 'Lúa Triangular'. Monikiña presentará na Praza de Ravella 'A viaxe de Nikita' a partir das 12.30 horas.
Xa en horario de tarde, Rojo Telón asolagará de sorrisos a Praza de Galicia a partir das 19.30 horas con 'Nudo'. A xornada pecharase na praza da II República coa compañía Kanbahiota e o espectáculo 'Volando Vengo' ás 21.00 horas.
Durante o venres tamén se desenvolverá unha sesión matinal da man de Con Eles & Clámide na Praza de Galicia. Na sección Superroquiños ofrecerase 'Smile' na Praza de Ravella, a partir das 12.30 horas, coa compañía De Carmela. Ás 19.30 horas presentarase na Praza de Galicia 'Historias dun baúl', de Trotamundos. A montaxe 'Karpaty' de La Troupe Malabó chegará ás 21.00 horas ao escenario da praza da II República.
A entrada é libre ata completar a capacidade dos espazos. A organización do Festaclown e o Concello de Vilagarcía recomendan chegar quince minutos antes da hora do inicio das funcións.
*As fotografías da información pertencen a Rocío Cibes comunicación gráfica/Festaclown.