Nomes literarios, concepto a analizar na VII Xornada de Onomástica Galega no Museo
Por Anxo Lourido
O sábado 15 de outubro vai celebrarse unha nova Xornada de Onomástica Galega no Edificio Castelao no Museo de Pontevedra. Trátase da sétima edición dunha cita que convoca a Real Academia Galega (RAG) coa colaboración da Deputación de Pontevedra.
Este martes, a deputada de Lingua, María Ortega; o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; o director do Museo, Xosé Manuel Rey; e a coordinadora desta xornada, a académica Ana Boullón, presentaban este encontro que estará aberto a todas as persoas interesadas e mesmo vai transmitirse por streaming, como nas últimas edicións.
Víctor F. Freixanes destacou que o importante destas xornadas é que se manteñen con gran capacidade de convocatoria para tratar sobre a identidade do país a través da lingua e, neste caso, a través dos nomes e apelidos. Lembrou que na páxina web da RAG pode accederse á guia de nomes elaborada e que, actualmente, se está a traballar na guía de apelidos galegos.
Ana Boullón, pola súa banda, explicaba a importancia da onomástica porque "todo o mundo ten nome" e citou tamén as familias con alcumes, as rúas con nomes que foron cambiando e mesmo os topónimos do Camiño de Santiago, temas tratados en anteriores edicións destas xornadas.
No evento deste ano vai facerse unha aproximación á onomástica literaria, unha cuestión pouco estudada ata o momento, segundo explicaba Ana Boullón. Durante o 15 de outubro está previsto que se estude este elemento como recurso literario para a súa utilización nas novelas, na poesía ou en calquera outro texto literario desde a Idade Media. Neste sentido, lembrou os traballos de Rosalía de Castro ou de Uxío Novoneyra.
Precisamente, o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, realizará unha achega sobre este tema; a escritora María Xesús Nogueira falará desde o punto de vista da ecopoesía; mentres que a profesora Helena de Carlos analizará o tratamento das etimoloxías na literatura antiga.
As xornadas buscan que o profesorado conte con ferramentas para o tratamento das toponimias nas aulas, afirmou Boullón, indicando que a escritora Marga do Val será a encargada de tratar o tema do estudo da toponimia dentro das aulas. Tamén haberá unha mesa redonda sobre os aspectos creativos coa presenza da académica pontevedresa Fina Casalderrey; a catedrática Marilar Aleixandre; e os escritores Berta Dávila e Marcos Calveiro, exporán como se escollen os nomes para as súas creacións literarias, se é unha escolla aleatoria ou búscase un determinado significado.
A xornada finalizará coa intervención de Xosé María Álvarez Cáccamo cun acto poético baseado no Cántico dos topónimos esdrúxulos, un espectáculo poético amosando a musicalidade e o misterio dos topónimos a través da poesía.
As persoas interesadas en inscribirse na VII Xornada de Onomástica Galega poden facelo antes do 12 de outubro escribindo un correo electrónico a publicacions@academia.gal no que figuren o seu nome completo, o DNI e un número de teléfono. Ao final das xornadas entregarase un diploma de asistencia. O encontro poderá seguirse tamén en directo a través de academia.gal.
As achegas da VII Xornada de Onomástica tamén serán recollidas posteriormente nunha publicación en papel e versión dixital. O último volume da serie tamén era presentado este martes e recolle os traballos das persoas que interviñeron no encontro de 2021, dedicado aos nomes dos lugares que atravesa o Camiño de Santiago, dez especialistas que afondaron na toponimia das rutas xacobeas e na pegada do haxiónimo Santiago nos nomes de lugar, nos propios e mais nos apelidos, coincidindo coa celebración do ano santo.
Relacionadas:
-
A toponimia e a antroponimia no cancioneiro, temas da VIII Xornada de Onomástica Galega
Por Redacción |
-
Especialistas analizan os nomes literarios na VII Xornada de Onomástica Galega do Museo
Por Redacción |
-
Últimos días para apuntarse na VII Xornada de Onomástica Galega que se celebrará no Museo
Por Redacción |
-
O Museo de Pontevedra dá un salto ao mundo virtual
Por Oskar Viéitez |
-
A Biblioteca publica na web a ‘Guía bibliográfica Pontevedra literaria’ con obras ambientadas na cidade
Por Redacción |
-
Miriam Ferradáns recibe o XVIII Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego
Por Oskar Viéitez |
-
Preocupación ante un estudo que amosa como só o 30% do alumnado de 4ª da ESO fala preferentemente en galego
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |