Os escolares da EEI de Verducido son os protagonistas do vídeo 'Pan de millo' de Migallas
Por Redacción
Os nenos e nenas do EEI de Verducido son os protagonistas do último vídeo de Migallas Teatro que está a presentar o seu libro-disco 'Pan de millo', un traballo publicado pola editora Kalandraka e que está dirixido ao público familiar.
No vídeo-clip, os nenos aparecen recollendo o millo e elaborando pan mentres María Campos e Carlos Yus cantan o tema que dá título a este libro-disco.
Este proxecto, ilustrado por Dani Padrón, contén 14 cancións infantís e versións de temas tradicionais. A compañía teatral ofrece as súas novas composicións que interpreta en espectáculos e actividades de expresión dramática. Os arranxos e adaptacións están realizados por Magoia Bodega e Paulo Nogueira, músicos e educadores, membros do grupo Treixadura e moi vinculados a proxectos de divulgación da música galega tradicional. Xunto a eles, aparecen intérpretes do prestixio de Pancho Álvarez, César Longa, Begoña Riobó ou Segundo Grandío, entre outros artistas.