A actriz e directora pontevedresa Marta Pazos presenta 'Tokio 3' no Pazo da Cultura
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Marta Pazos é unha nova actriz e directora nacida en Pontevedra que estudou Belas Artes na Universidade de Barcelona (1994-99). Tras licenciarse iniciou unha interesante carreira no mundo do teatro que se concretou coa creación da súa propia compañía, Voadora. Este grupo conta cunha importante proxección exterior.
O espectáculo Tokyo 3 é froito do traballo que vén desenvolvendo a compañía nestes anos coa posta en escena da triloxía Lugares comúns que conclúe con esta obra.
A actriz pontevedresa e outro integrante de Voadora, Hugo Torres, explicaron na presentación no Concello que este proxecto foi xerado, en parte, a través de análise e discusións que se desenvolveron en Pontevedra. Explicaron que o espectáculo Tokyo 3 está baseado na Divina Comedia de Dante con compoñentes musicais e unha linguaxe non normativa e cunha estrutura onírica. O argumento céntrase no que soñamos, no paraíso e en como encaixa nunha sociedade na que só importa o material.
Tokyo 3 leva numerosos premios entre os que destacan os cinco María Casares da XVII edición, ademais de ser finalista nos Premios Max. Participou nos principais festivais teatrais da Península. "Nunha época así nos consideramos uns privilexiados. O noso espectáculo é moi galego pero a xente recoñece o seu humor e a súa estética na Península e noutros países. Iso é moi gratificante".
O espectáculo represéntase este xoves ás 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura.
A actriz Marta Pazos comenta a presentación de 'Tokio 3' en Pontevedra
Marta Pazos. Actriz
CC BY-NC-SA PontevedraViva