Ata o 30 de xuño permanece aberto o prazo para participar no 'Concurso Ameixa Rock para Bandas Emerxentes'
Por Redacción
A asociación Ameixa Rock recupera o 'Concurso para Bandas Emerxentes', despois de dous anos en que se suspendeu con motivo da pandemia. Chega agora a quinta edición coa idea de promocionar a grupos novos e que teñan a oportunidade de compartir escenario con artistas xa consolidados no Festival que se inicia o 3 de setembro en Carril.
A banda gañadora abrirá o Ameixa Rock e terá un premio en metálico de 300 euros. Para participar deberán enviar dous temas ao correo concursoameixarock@gmail.com en formato mp3, de calidade 128 kbps e un tamaño máximo de 20 Mb. Tamén será necesario enviar unha foto ou o logo do grupo en formato JPG e unha pequena descrición da banda.
Os temas terán que ser orixinais e os estilos que se poden presentar son indie, rock e pop. Ademais, as bandas que queiran participar deberán dispoñer dun repertorio de corenta minutos de duración para actuar en directo, coa posibilidade de realizar versións.
O período para presentar propostas finaliza o 30 de xuño de 2022. A organización contactará cos gañadores e tamén publicará en redes sociais a decisión do xurado.