Xa se pode visitar no Café Moderno a exposición 'O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia'
Por Mónica Patxot & Redacción
O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, inaugurou este mércores a mostra 'O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia / 1981-2021', aberta ao público no Café Moderno de Pontevedra ata o próximo 25 de xuño.
A mostra fai un percorrido polas catro décadas de vida do lexislativo galego, ao tempo que inclúe materiais relacionados coa configuración da autonomía galega.
Santalices recordou que o proceso de construción da autonomía galega é consecuencia de múltiples achegas, na época da transición, mais tamén nas décadas precedentes. "Falamos de auténticos heroes da causa galega, moitos dos cales pagaron un alto prezo polo seu compromiso autonomista e galeguista", enfatizou o presidente da cámara galega.
Recordou que "para algúns, a súa militancia custoulles a vida, como sucedeu con Alexandre Bóveda, vilmente fusilado no monte da Caeira, o 17 de agosto de 1936, cómpre recordalo". Agregou que outras persoas "pagaron ese compromiso co exilio", como Castelao, mentres que un terceiro grupo padeceu o exilio interior, como Otero Pedrayo, expedientado e apartado da docencia entre 1937 e 1948.
A xuízo do titular do lexislativo galego, se Galicia ten a consideración de nacionalidade histórica, equiparada a Cataluña e o País Vasco pola Constitución de 1978, "é grazas ao traballo de persoas como Bóveda, que coa súa implicación nas diferentes fases do proceso, fixeron posible plebiscitar o Estatuto galego de 1936".
Para Santalices, "traer esta exposición a Pontevedra é unha obriga moral á que gustosamente damos cumprimento para honrar a memoria de Alexandre Bóveda e a de tantos outros cos que estamos en débeda permanente".
Na súa intervención, Santalices concluiu que estes 40 anos de autonomía son unha historia de éxito colectivo.
As imaxes que compoñen esa mostra destacan a vocación de acordos e a necesidade de entendemento entre posturas abertamente discordantes para acadar fins necesarios que permitisen unha cohesión social encamiñada a consolidar a convivencia en democracia.
Desde as imaxes dos primeiros e convulsos anos, ata as épocas máis recentes, o público poderá contemplar, e lembrar, como a palabra, o instrumento comunicativo por antonomasia, é o piar da democracia.