#PontevedraFerve, os grupos do Local de Música xúntanse para analizar a situación da escena musical
Por Alejandro Espiño
A situación da industria, a escena musical pontevedresa ou os locais que hai para poder tocar na cidade. Son algúns dos asuntos que se tratarán nunha xornada de traballo que terá lugar este sábado 23 de novembro. Participarán 40 persoas, todos eles membros dos grupos que ensaian no Local de Música de Pontevedra ou que colaboran de forma habitual coas súas actividades.
Trátase, segundo sinalou o concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez Junquera, dun encontro que non pretende dar charlas sobre técnicas musicais, senón "reflexionar en conxunto sobre os elementos que xiran arredor da música" para axudar a estes grupos a cumprir os seus obxectivos. Unha actividade que se organiza baixo a etiqueta #PontevedraFerve.
Este encontro comezará ás 11.00 horas. Un autobús que partirá desde a Praza de Galicia levará aos participantes ata as Bodegas Fermenta, situadas en Mourente, onde terá lugar esta actividade. Ás 11.30 horas iniciaranse as xornadas de traballo, que se celebrarán en sesións de mañá e tarde e incluirán o debate sobre unha serie de dinámicas e reflexións relacionadas coa música.
Entre os asuntos a tratar analizarase que está pasando na escena musical en Pontevedra e as posibilidades que ofrece; as perspectivas que teñen os grupos, para confrontarlas coa realidade; os problemas de xestión cos que se atopan as bandas ou as posibilidades de orientar a súa actividade cara a unha saída laboral que lles permita vivir da música.
Haberá ademais un set onde os participantes nestas xornadas poidan animarse a mostrar as súas propostas musicais ou actuar xunto a membros doutros grupos, reforzando así o sentimento de comunidade que se creou ao redor do Local de Música.