María Ledo expón os seus "Antirretratos" na Galería About Art ata o 30 de novembro
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Galería About Art, situada na rúa Pasantería 9, xa ten lista a súa próxima exposición. Trátase dunha mostra que combina pintura, fotografía e obxecto artístico. A autora é a artista ferrolá María Ledo Olcoz e está baseada no seu proxecto Álbum de tautologías, onde traballa a idea de "obxecto dentro do obxecto".
"O meu traballo trata esa temática que relaciona a través do fragmento-peza-obra unha totalidade conectada polos xiros do pensamento ou grados de oposición para equilibrarse no absurdo como paradoxa dunha harmonía", explica a autora. "No intercalar as pezas de forma diferente, segundo un espazo ou tempo, está a base para lelo, as pezas repítense ou faltan, para iso créase un álbum de tautoloxías".
Na exposición, preséntanse unha serie de "Antirretratos" pintados ao óleo, nos que aparecen retratadas diferentes mulleres, sacadas de imaxes tomadas de revistas de moda ou dominicais desde os anos 30 ata o 2013 que, desposuídas de todo elemento externo preséntanse sobre fondos planos e monocromos que as desvinculan da súa orixe e permítenlles convivir nun mesmo espazo durante dúas semanas.
Ademais da pintura, na exposición podemos atopar fotografías e obxectos artísticos que completan o proxecto da artista que por primeira vez expón de forma individual na cidade de Pontevedra.
A exposición, que se inaugurou este martes, poderase visitar ata o próximo 30 de novembro.