Un baile de ida e volta entre Galicia e Arxentina para festexar o Día da Danza
Por Redacción & Cristina Saiz
Cunha fusión entre a cultura galega e a arxentina, a Deputación de Pontevedra conmemorou este sábado Día da Danza en Pontevedra. Foi co espectáculo "Galicia - Arxentina: un baile de ida e volta", organizado en colaboración co Consulado da República Arxentina.
Representouse no paseo de Montero Ríos, fronte o Pazo Provincial.
As primeiras en pisar o linóleo branco que cubría o chan a modo de escenario foron nove bailadoras pertencentes á compañía de danza de Óscar Cobos.
Cos seus corpos interpretaron "Bailador", unha peza subversiva e feminista coa que renderon homenaxe a todas as mulleres que preservaron e transmitiron o baile tradicional, de xeración en xeración, que se desenvolveu coa musica de Berrogüetto.
A continuación, o público puido desfrutar da actuación de Óscar Cobos e Antía Barcia que interpretaron un tango á galega que serviu como ponte entre ambas culturas.
Ambos representaron a modernidade do tango-danza en Galicia fusionando os seus elementos cos da biomecánica aplicada á danza mediante un uso moi particular do movemento do corpo e dun repertorio musical pouco usual dentro do mundo do tango.
"Galicia - Arxentina: un baile de ida e volta" rematou cun tango ao máis puro estilo arxentino no que participarán dúas parellas lideradas pola bailarina Laura Díez, arxentina afincada en Vigo.
As parellas estiveron acompañadas polo dúo arxentino El Barullo composto polo pianista Francisco Monteiro e o bandeonista Alejandro Szabo.