"O lago dos cisnes" de Tchaikovsky chega a Pontevedra da man do Ballet Nacional Ruso
Por Redacción
O ballet de primeiro nivel regresa a Pontevedra. Faino da man da Fundación Novacaixagalicia. O espectáculo de O lago dos cisnes de Tchaikovsky, interpretado polo afamado ballet de Radchenko: o Russian National Ballet, poderase contemplar o vindeiro mércores 4 de decembro ás 20.30 horas no auditorio do Centro Social de fundación, situado na rúa Augusto González Besada.
Tralo éxito de público conseguido na anterior tempada co espectáculo Gran Gala Tchaikovski, o ballet decidiu regresar a Galicia para ofrecer, nesta ocasión, o título completo de O lago dos cisnes. Trátase do segundo espectáculo que esta compañía ofrece na comunidade e o primeiro que presenta cun título completo, posto que o anterior fora un compendio das escenas dos máis importantes ballets rusos.
O espectáculo está dirixido por Sergei Radchenko, fundador do RNB no ano 1989 e director do mesmo desde entón. Radchenko, que foi bailarín nos anos oitenta do Bolshoi de Moscú xunto á mítica Maya Plisétskaya, con quen compartía unha especial atracción polos ritmos clásicos españois e pola cultura de España, afirmaba, recientemente, que "estou desexoso de volver atoparme co público galego, esta é unha ocasión moi importante para min, espero que o público nos reciba coa mesma ilusión coa que nós chegamos".
O lago dos cisnes está considerado como o primeiro gran ballet romántico ruso e a obra máis relevante que escribiu Tchaikovski. Preséntase con dous grandes solistas, Natalia Toriashvili no papel de Odette / Odile e Kirill Safin como o príncipe Sigfrido. Ambos proveñen da escola do Ballet do Teatro Mariinsky de San Petersburgo e, como solistas, xa bailaron todos os papeis importantes do ballet clásico.
De acordo coa estética do Romanticismo, o seu argumento é unha cándida historia que inclúe prodixiosas transformacións, encantamentos e monstros malignos, pero na que tamén aparece o amor como unha forza triunfante sobre os máis terribles poderes.
As localidades para o espectáculo, desde un prezo de 30 euros, xa están á venda nas canles habituais de comercialización de entradas da fundación galega: www.servinova.com, e a billeteira telefónica 902 504 500, en horario de 8.00 a 22.00 horas.