Sienna, en Pontevedra: "O corpo pedíame experimentar e poñerme ao servizo das cancións"
Por Alejandro Espiño
"Melancolic” é o novo traballo do músico valenciano Álex Sienna. Chega dous anos despois -e unha pandemia polo medio- do seu anterior disco. Un período no que tivo que lidar cos seus propios demos e do que, tras explorar os seus límites, sae reforzado e con nova sonoridade.
Comprobarémolo en directo este xoves 24 de marzo, a partir das 21:00 horas, na Sala Karma de Pontevedra, á que chega dentro do ciclo Vibra Mahou. Antes de que suba a este escenario, falamos con el da etapa persoal e artística na que se atopa.
Chegas a Pontevedra con novo traballo, Melancolic. Dis que é o teu traballo máis persoal. Pasaches de falar da sociedade para falar de ti mesmo. Dáche vertixe?
Foi un proceso que xa viña de longo. Nos meus traballos anteriores, había unha crítica á sociedade e a toda esa presión inamovible na que os prexuízos e as ideas establecidas eran o denominador común. Ao final, toda esa presión da que falaba, recaeu sobre min e iso canalizou un álbum moito máis introspectivo que bebe da impotencia máis absoluta.
Custouche abrirte ao público desta maneira?
Realmente, non. Cando estou a compoñer, non adoito pensar moito na consecuencia. Doume conta ou tomo outra perspectiva xusto ao publicar as cancións. A pesar da dependencia emocional que sinto cando as creo, logo sepárome e tomo distancia delas.
É como un reseteo moi besta. O único que ao interpretalas, si que volvo a eses momentos, aínda que desde unha posición moi distinta.
Pode ser que che servira mesmo como certa terapia?
A verdade é que non compoño para liberarme, tan só vomito os pensamentos repetitivos da miña cabeza. Non adoito sentir unha canción como unha terapia, tan só obsérvoa como unha mera materialización da enerxía que tiña nese momento.
Son seis cancións, non se se escuras, pero nas que si hai un halo de tristeza
A tristeza é o motor sobre o que se sostén o EP. Con todo, hai unha contraposición entre luz e escuridade que creo que é o que lle dá ese punto honesto.
Nestas cancións falas de ruptura, de soidade, de ansiedade... pero como dis tamén se atisba algo de luz. De todo proceso vital sacas algo positivo?
Creo que agora teño máis ferramentas para enfrontar todo o que me sucede. E por suposto, lévome as mensaxes de todas as persoas que me escribiron que foron preciosos. Ver que a música logra conectar con alguén me parece o fin ao que aspirar.
En Esto me va a matar, por exemplo, reflexionas sobre o feroz que é a industria musical. Tiveches que sortear moitos obstáculos?
Demasiados. Como proxecto autoxestionado é esgotador loitar contra tanto teito de cristal. Topeime con xente fabulosa pero tamén con persoas que foron pedras enormes no meu camiño.
Hai ademais un cambio de sonoridade con respecto a discos anteriores. Como te sentiches? Estás contento co resultado?
Foi un proceso moi natural e orgánico que veu dado da enerxía que tiña nese momento. O corpo pedíame experimentar e poñerme ao servizo das cancións. Creo que iso foi clave para lograr crear un pequeno universo honesto e persoal.
Todas as cancións editáchelas con videoclip, algo que tampouco é habitual. Por que?
Quería que todas as cancións tivesen a mesma importancia porque todas parecíanme fundamentais para comprender o EP en si mesmo e como se relacionan entre si.
Que estás a sentir agora cando as interpretas en directo? Sendo como son, anacos da túa vida, o fas con máis intensidade?
Fágoo desde unha dependencia menor. Tal vez, como un mecanismo de defensa para non volver a ese punto exacto no que estaba.
A todos os artistas afectouvos moito a pandemia. Ti, por exemplo, estabas en pleno crecemento. Como viviches estes dous anos?
A verdade, que como moita xente, non do todo ben. Si que foi un período de coñecemento persoal e crecemento nalgúns aspectos pero, si, fíxome po no sentido de que se borrou todo o esforzo e proxección que había nese momento. E iso, é o duro.
Que espera Sienna deste 2022?
Seguir creando e conectando coa xente que segue a miña música.
E, sobre todo, que pode esperar o público de Pontevedra de Sienna?
Soa algo tópico, pero poden esperar unha viaxe con moita enerxía pero tamén con eses momentos íntimos e introspectivos. Oxalá o gocen.
Relacionadas:
-
O enérxico directo de Arde Bogotá animará este venres a Sala Karma de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Joe Crepúsculo fará bailar ao público pontevedrés o próximo 7 de maio
Por Alejandro Espiño |
-
Tres meses de concertos para celebrar os "16 menos 1" anos da Sala Karma
Por Alejandro Espiño |
-
Shinova e Sienna, en marzo na Sala Karma de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |