Venres de película con análise do papel da muller na industria cinematográfica
Por Anxo Lourido
Desde este venres 25 de marzo ata o 10 de xuño, a Casa das Campás, sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, acollerá sesións cinematográficas para reflexionar sobre o papel das mulleres na historia do cinema.
O ciclo leva por título 'Subordinadas, coordinadas, xustapostas' e ofrece once proxeccións os venres a partir das 19.00 horas con entrada libre ata completar a capacidade da sala. A primeira sesión será este venres 25 coa película 'Midred Pierce', dirixida por Michael Curtiz con Joan Crawford como protagonista.
Suso Novás, coordinador da actividade e codirector do festival Novos Cinemas, afirma en declaracións ao DUVI opina que a historia do cinema carece de capítulos que evidencien a importancia do traballo desenvolvido polas mulleres ao longo dos 126 anos de historia desta industria.
As sesións contarán cun coloquio final no que se analizará como as achegas das mulleres foron anuladas por unha estrutura netamente patriarcal. Ademais de estudar o traballo de directoras, guionistas e actrices, o ciclo quere deterse en como se tratou o concepto da feminidade durante a historia cinematográfica.
O venres 1 de abril proxectarase a película de animación 'Brave', dirixida por Brenda Chapman, Mark Andrews e Steve Purcell, cun argumento que se centra no empoderamento feminino. Xa o 8 de abril será a quenda para 'Alicia Doesn't Live Here Anymore', de Martin Scorsese, unha película reivindicativa das actrices da década dos 70. O venres 22 de abril ofrecerase a película documental 'París 1900', de Nicole Vedrès. E para pechar as películas do mes, o público poderá ver o 29 o filme clásico de cinema negro 'Leave Her to Heaven', de John M. Stahl.
Durante o mes de maio, o día 6, a Casa das Campás acollerá 'Neun Leben hat die Katze', de Ula Stockl, película capital para reivindicar á muller na década dos sesenta, segundo indica Novás. O 13 chegará a oportunidade de ver o protagonismo de Mae West en 'I'm No Angel', de Wesley Ruggles.
Retomaranse as sesións o venres 20 co filme británico 'Promising Young Woman', película que se encadra no movemento Me Too. A directora e guionista Emeral Fennell obtivo un Óscar ao mellor guión orixinal por este traballo. O western 'Track of the Cat' poderase ver o 27 de maio. Trátase dunha obra de William A. Wellman coas interpretacións de Teresa Wright e Diana Lynn nun melodrama cunha perspectiva negativa do papel dunha nai.
Kathryn Bigelow coa súa película 'Blue Steel' abrirá o ciclo durante o mes de xuño o venres 3. Esta película policíaca, ademais de estar dirixida por unha muller de ampla traxectoria, ofrece a interpretación da gran actriz Jamie Le Curtis, unha obra na que se cuestionan os roles habituais das mulleres nas películas de acción.
A programación conclúe o 10 de xuño coa singular e sorprendente historia de 'Harold and Maude', película de 1971 dirixida por Hal Ashby, cunha extraordinaria interpretación de Ruth Gordon.
Relacionadas:
-
Amizades de todo tipo centran o contido do ciclo proxeccións dos venres na Casa das Campás
Por Redacción |
-
"Unha cuestión de xénero", nova cita co ciclo de cine "Mulleres" en Afundación
Por Redacción |
-
'Espazo sen fume', Pontevedra disporá do primeiro campus libre de tabaco
Por Raquel Currás Martínez |