A Biblioteca da Illa de Arousa moderniza as súas instalacións da Casa de Godoy
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Consellería de Cultura vén de cofinanciar a mellora e modernización de equipamentos e a adopción de medidas de seguridade na Biblioteca Municipal da Illa de Arousa, emprazada no emblemático inmoble coñecido como Casa de Godoy.
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, acompañado polo alcalde da Illa de Arousa, Carlos Iglesias, visitou este mércores esta actuación, que contou cunha achega autonómica de 30.000 euros, para financiar o 65% do investimento, ao abeiro da orde de subvencións do pasado ano para entidades locais orientadas á dotación de equipamentos e melloras en inmobles de actividade e uso cultural.
O proxecto desenvolvido na Biblioteca Municipal da Illa de Arousa consistiu na renovación de equipos informáticos, a instalación de novas cortinas, a fabricación e subministración de mesas de traballo específicas, a adquisición de novas mesas e cadeiras, a elaboración dun plan de emerxencia e evacuación do edificio e a colocación de sistemas antirroubo.
Por outra banda, o delegado territorial informou que a Consellería ten aberta na actualidade as ordes de subvención para entidades locais orientadas á adquisición de novidades editoriais en galego e reforzo das coleccións bibliográficas de bibliotecas e axencias de lectura municipais, que ten un orzamento de 550.000 euros e pechará o seu prazo o vindeiro 4 de marzo, e a destinada á dotación de equipamentos e melloras en locais con actividades culturais, que se prolongará ata o vindeiro día 10 deste mes cunha partida de 500.000 euros.