Camelias, poesía e música na Deputación para lembrar a Rosalía de Castro
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra quixo render homenaxe a Rosalía de Castro na efeméride do seu nacemento cun emotivo acto que aglutinou no Pazo Provincial moitos dos elementos que identifican á escritora símbolo de Galicia e da lingua galega.
Nun salón de plenos ateigado de público, as persoas asistentes puideron escoitar o cuarteto belga de pandeireteiras Ialma; coñecer o manifesto da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG); degustar o "Caldo de gloria", que Rosalía menciona en Follas Novas, de mans do alumnado do CIFP Carlos Oroza; e levarse o libro "Violetas no asfalto", de Lucía Novas, que estrea a Colección Medal de Poesía feita por mulleres do servizo editorial do departamento de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación, e un exemplar da camelia ‘Rosalía de Castro’ que forma parte do Xardín de Camelias con Nome de Muller do Castelo de Soutomaior.
No acto entregáronse tamén, coa presenza telemática do alumnado gañador, os premios da categoría ‘Campaniñas’ do concurso "A Nosa Rosalía" convocado pola institución provincial para escolares de 1º a 3º de Educación Primaria e que recaeron no CEIP San Clemente de César de Caldas (primeiro premio), o CPI Pontecesures (segundo premio) e o CEIP Mestre Manuel García de Oia (terceiro premio).
A presidenta Carmela Silva, acompañada das deputadas de Cultura e Lingua, Victoria Alonso, e María Ortega, do presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, e da autora Míriam Ferradáns, que deu lectura ao manifesto, destacou a vixencia do pensamento de Rosalía "que foi pioneira en rebelarse contra a desigualdade das mulleres" e fixo fincapé en que esta data, por primeira vez celebrada no 23 de febreiro como xornada real do seu nacemento hai 185 anos, "é un dos días máis grandes de Galicia".
"Somos dos únicos pobos que teñen unha muller como gran referencia, e por iso a celebramos esta xornada e reivindicamos todo o ano a Rosalía con toda a potencia que merece", destacou Carmela Silva, que puxo en valor a creatividade e a paixón pola escritora, así como a necesidade de seguir inculcando o seu legado ás novas xeracións.
A programación deste Día de Rosalía foi promovida polas áreas de Lingua e Cultura da Deputación, cuxas responsables amosaron no acto a importancia de ter a autora presente durante todo o ano. A deputada de Lingua, María Ortega, chamou á cidadanía a apuntalar a lingua e a medrar como país da man de Rosalía, a quen definiu como "valente, moderna e rebelde".
Trala entrega dos galardóns, a autora Míriam Ferradáns foi a encargada de dar lectura ao manifesto da AELG, escrito este ano por Beatriz Maceda baixo o título ‘Pensar [te] libre’, que segue o lema da AELG para 2022 de #SementadePensamentos. O manifesto subliña que a forza que atopamos en Rosalía é "recoñecérmonos como pobo forte, unido pola lingua" e lembra "o maior acto revolucionario que nos agasallou Rosalía de Castro! Os seus versos transfórmanse nunha historia que rebela, provoca, emociona e que nos acolle para ‘eu tamén navegar’, para facernos parte dunha nosa historia propia e libre".
Relacionadas:
-
A 'raíña floral' das Rías Baixas amosa todo o seu esplendor en Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
A Deputación quere "encher de Rosalía a nosa provincia"
Por Oskar Viéitez |
-
Os 50 anos de historia da Casa de Rosalía, en Montero Ríos ata o 20 de decembro
Por Redacción |
-
A Deputación leva a dez concellos da provincia a infancia de Rosalía de Castro a través do teatro
Por Redacción |