A 'raíña floral' das Rías Baixas amosa todo o seu esplendor en Pontevedra
Ao grande. Así se retomou este sábado o concurso-exposición internacional da camelia, flor por excelencia das Rías Baixas. Máis de corenta produtores exhibiron os seus mellores exemplares desta flor, que encheu de aroma e cor a avenida de Montero Ríos.
Unha gran carpa transparente e aberta de máis de 600 metros cadrados, conectada co Pazo Provincial a través dunha alfombra vermella, acolleu aos expositores dunha de poucas mostras que se organizarán este ano ao redor da camelia.
O hall do Pazo Provincial foi o escenario no que se mostraron as camelias que competiron polo premio Antonio Odriozola á flor individual máis destacada, que foi para a presentada por Natividade Abalo Moraña, veciña de Rois (A Coruña).
A Camelia de Ouro, pola súa banda, foi para Abelardo Barcala Torrado, de Vilagarcía, que foi o que presentou, segundo o xurado, o conxunto de variedades máis destacado do certame, tanto en canto a número como en calidade das flores.
Ambos recibiron dous broches de ouro e prata elaborados por Manuel Nogueira Rapaiz.
Entre os 22 premios concedidos no certame destacaron tamén os de Josefa Rosaura Rodríguez Martínez, galardoada co premio especial da Sociedade Española da Camelia á mellor concursante novel.
No seu caso, a gañadora recibiu unha camelia de ferro apoiada sobre unha superficie de madeira, obra artesanal creada por José Ortiz, do mesmo xeito que os premiados polas diferentes variantes da camelia que formaban parte do catálogo do certame.
Á beira da carpa, a organización habilitou un espazo con postos con produtos obtidos a partir da camelia, como o té ou o aceite, que teñen beneficios notables para a saúde humana, así como un photocall natural no xardín situado entre o pazo e o instituto.
A exhibición das camelias, que foi inaugurada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, poderase visitar tamén este domingo, entre as dez da mañá e as oito da tarde.
Silva destacou que "nós queremos poñer en valor a camelia en todos os lugares da provincia" porque a xente identifícaa como "a nosa flor" e converteuse nun "símbolo" nun elemento que "fala de paz, de convivencia e de beleza".
O rexedor, pola súa banda, sinalou que "somos afortunados" porque coa camelia nos nosos xardíns "temos flor de todas as cores no inverno", algo que "nos enche de alegría todos os días" a todos os habitantes de Pontevedra.
A programación do concurso-exposición internacional da camelia completarase mañá coa presentación, ás 12:30 horas, de As árbores notables na provincia de Pontevedra, un libro de Gaspar Bernárdez Villegas, Carmen Salinero, Ángeles Barros e Antonio Rigueiro.
O volume, do que a Deputación de Pontevedra editou mil exemplares e que será repartido entre as persoas que asistan ao acto, trata sobre 110 árbores especiais que pola súa idade ou singularidade poñen en valor o patrimonio vexetal da provincia de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Despois dun ano de ausencia pola pandemia, a Deputación recupera a exposición da camelia
Por Redacción |
-
Camelias, poesía e música na Deputación para lembrar a Rosalía de Castro
Por Redacción |
-
A avenida Montero Ríos acollerá en marzo o 57 Concurso Internacional da Camelia
Por Redacción |
-
A camelia xa loce na Casa Grande da Finca de Briz
Por Redacción |