![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/527a6c1857da7-001.jpg)
CC BY-NC-SA PontevedraViva
'O home almofada', un thriller teatral, recolle o drama do maltrato infantil
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Este xoves 7 ás 21 horas no Teatro Principal, a compañía Ilmaquinario Teatro presenta O home almofada, un thriller con detalles de comedia negra do autor Martin McDonagh.
Neste espectáculo trátase o problema do maltrato infantil nun país totalitario sen nome. Segundo os actores Fernando González e Fran Lareu que presentaron o espectáculo no concello de Pontevedra, trátase dunha obra intensa que "ten moito de cine e de linguaxe actual" e por ese motivo, encaixa moi ben cos mozos. Por ese motivo, durante a mañá do xoves 7 haberá unha sesión para alumnos de distintos centros educativos de Barro, Vilalonga, Ponte Caldelas, O Grove e Pontevedra, segundo indicou a concelleira Anxos Riveiro.
O home almofada é a primeira montaxe do grupo Ilmaquinario Teatro e está a ter unha boa acollida por parte do público. A compañía está formada por actores saídos da Escola de Arte Dramática de Galicia e o espectáculo foi dirixido por Tito Asorey. Ademais, un comité de expertos do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM) seleccionouna para formar parte do Plan Platea 2014 que establece un programa estatal de circulación de montaxes escénicas.
As entradas poden adquirirse previamente na web de servinova ou a través do despacho telefónico (902 04 00) a un prezo de 8 euros máis gastos de xestión e de 4 euros para estudantes, desempregados e xubilados. Tamén se poden adquirir unha hora antes da función no despacho do Teatro Principal.