Carlos Blanco e Touriñán chegan a Pontevedra con 'Somos Criminais 3'
Por Redacción
Logo do éxito de Somos Criminais, o espectáculo que máis entradas vendeu na historia de Galicia, Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán volven aos teatros cun novo espectáculo. "Como segundas partes nunca foron boas, chega directamente Somos Criminais 3", manifestan na carta de presentación.
Se na primeira parte Carlos e Touri trataban de explicar se había un crime autóctono galego, en Somos Criminais 3 intentarán descubrir se os galegos somos criminais no sentido menos criminal do termo. Temos unha forma propia de ser e estar no mundo? Son certos os tópicos que circulan sobre nós? Somos diferentes, parecidos ou iguais ao resto do mundo? Son algunhas das preguntas que darán lugar a situacións e diálogos delirantes.
Deste xeito, Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán analizan Galicia e os seus habitantes para descifrar como somos e averiguar por que somos como somos. Trátase dun espectáculo completamente novo que conta outra vez coa dirección de Tito Asorey e os textos de José L. Prieto, Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán.
Tras a estrea na Illa de Arousa, a obra pasou polo Teatro Colón da Coruña, o Auditorio Municipal de Ourense, o Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela, o Auditorio Municipal de Narón, o Teatro Afundación de Vigo e o Gustavo Freire de Lugo, acumulando máis de 17.000 espectadores.
Chega agora ao Pazo da Cultura de Pontevedra con catro funcións previstas para os días 22 e 23 de xaneiro en función dobre: o sábado 22 de xaneiro ás 20:00 e ás 23:00 horas, e o domingo 23 de xaneiro ás 17:00 e ás 20:00 horas.
A venda de entradas está dispoñible en somoscriminais.gal onde tamén se poden consultar o resto de datas do espectáculo.