"En Galicia temos moitísima forza, temos un rol superpotente" é o que afirma o pontevedrés Sirio Sesenra, creador, divulgador e director de xogos de rol. Ten miles de seguidores na súa canle de YouTube ao redor deste universo lúdico e tamén o blogue Las Semillas de Cao Cao. Cita como exemplos a Víctor Romero ou Laura Guerrero que este 2021 gañou o Premio Ignotus de Pórtico, a Asociación Española de Fantasía, Ciencia Ficción y Terror ao mellor xogo de rol, dirixido a público infantil: ''Los secretos del múndo mágico'.
E que son os xogos de rol? "é un xogo narrativo para contar historias e vivir experiencias" no que pode xogar unha persoa soa ou en grupo sobre xéneros moi diversos. O indispensable para poñerse a iso? "ter ganas de xogar e querer ser unha persoa activa nunha historia", di no podcast do 'Cara a cara'. Ademais é alcanzable desde idades temperás e de feito "están a crecer os libros de rol para nenos" como 'Pequeños detectives de monstruos' ou 'Magissa', cita.
Os xogos de rol tamén se incorporaron a internet e de feito é posible atopar unha gran biblioteca de títulos (Sinergia de rol) para ser unha persoa activa como xogador, ou para seguir partidas. "Unha das cousas marabillosas que teñen os xogos de rol en liña é que che permite ver como xogaches e é un apredizaje estupendo, algo que no rol tradicional non podes facer porque é efémero. Ou que tamén podes asistir como espectador, en Estados Unidos Critical Role ten millóns de seguidores en partidas que se xogan en directo".
Colaborou coa Universidade Juan Carlos I e ten unha actitude inclusiva da muller nos xogos de rol "é unha práctica lúdica que se esforza por ser igualitaria. Hai grupos fortes de mulleres que están a nos ensinar desde a linguaxe inclusiva ata a sensibilización e vexo nos últimos dez anos un cambio tremendo".
Este pontevedrés ten dous xogos con nome propio,'Robotta' e 'Wamatse' e noutros trece achegou unha aventura ou fragmentos de manuais de rol. Este decembro terá xa en preventa 'Técnicas, consejos y trucos para jugar a rol' un libro pensado para "persoas expertas que queiran buscar ferramentas diferentes e tamén a persoas iniciadas", expón en PontevedraViva Radio.