Culturgal convida a descubrir todo o talento da cultura galega do 26 ao 28 de novembro en Pontevedra
Por Oskar Viéitez
Xa está a disposición do público toda a programación da próxima Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal 2021, que se celebrará do 26 ao 28 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra co lema "A cultura que toca".
Todo o programa e as entradas anticipadas pódense atopar no web cultur.gal, onde se detallan os cento dezanove stands, máis de oitenta empresas con presenza física e un programa de cen actividades vinculadas ao mundo do libro, da música, do cinema, das artes escénicas, da infancia e dos profesionais.
A feira presentou este venres en rolda de prensa o contido desta décimo cuarta edición de Culturgal, nun acto no que participaron xunto a Víctor López, presidente de Culturgal e Xosé Aldea, director da feira, Victoria Alonso, deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, Jacobo Sutil, director da AGADIC da Xunta de Galicia, e Carme Fouces, concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra.
Será unha edición de Culturgal "para reencontrarnos", en palabras dos seus promotores, na que cada vez adquiren maior protagonismo aquelas propostas culturais que encaran o futuro en torno á accesibilidade, igualdade, inclusión e sustentabilidade. A feira quere ser unha "ferramenta útil para o mundo da cultura", sinaloron.
Víctor López constatou que "hai moitas ganas de Culturgal" como demostra a reserva completa do espazo feiral, a afluencia de propostas que chegaron para construir a programación ou o ritmo de venda das entradas da feira. "Así o comentabamos a semana pasada en Madrid, convidados polo Ministerio de Cultura, que tivo a ben considerarnos un dos tres mellores proxectos de promoción cultural de todo o Estado", dixo o presidente de Culturgal.
Sobre o contido do programa indicou que "reserva moitas propostas rupturistas, inesperadas, innovadoras, propostas que nos conectan con público de gustos e idades diversas, sempre coa ollada posta nas novas audiencias. Sen esquecer, por suposto, os clásicos da Culturgal, como é ser un paraiso anual para os amantes do libro e da lectura".
Tal como explicou Xosé Aldea, director da feira, ésta presenta algún cambio formal neste 2021 como o que experimenta a primeira xornada, o venres 26 de novembro, que estará reservada para montaxe de stands, e por iso a programación centrarase nese día no Espazo Foro da Feira, con entrada de balde.
O sábado 27 e domingo 28 a feira abre todos os seus espazos desde as once da mañá ás nove da noite. A programación espállase por todo o Pazo da Cultura en diferentes escenarios: Foro, Libro, Infantil, Cinema e Auditorio, este último para teatro e música ao vivo. "O programa é amplísimo e de novo volve a concentrar as iniciativas máis novidosas e punteiras en cada sector".
Haberá música ao vivo a través de diferentes 'showcases' e co espectáculo especial de Tanxugueiras, o domingo 28, que despiden xira en Culturgal con todas as entradas vendidas desde hai semanas.
O sector editorial, talismán da feira, trae a Pontevedra a Manuel Rivas, Ledicia Costas ou o Colectivo Rompente.
As artes escénicas chegan a través de diferentes propostas da man de Escena Galega, da función de Elefante Elegante con Dreaming Juliet o domingo 28 no Teatro Principal ou coa presentación da xira teatral de Fariña para 2022.
O público infantil e familiar terá moito que escoller durante o sábado 27 e o domingo 28 con propostas como a do CSIC Galicia de "Ciencia á Feira" ou a exposición de autómatas Kinétiko.
Culturgal lanza nesta edición a Culturgal TV, unha televisión cultural de fin de semana que, ademais de transmitir unha selección das actividades que terán lugar en Pontevedra, incluirá produtos audiovisuais, entrevistas e reportaxes cos protagonistas da feira.
A Deputación de Pontevedra presentará programas como Violencia Zero ou a marca Rias Baixas Film Fest, tal e como informou a deputada Victoria Alonso.
O director da Agadic, Jacobo Sutil, tamén adiantou que a Xunta de Galicia participa no programa con trece actividades ademais de con stand no recinto feiral e que "haberá actividades ao redor do Bono Cultura".
Finalmente Carme Fouces, concelleira de Cultura de Pontevedra, amosou a súa satisfacción porque o concello sexa de novo la sede "do máis talentoso da cultura galega, nunha cidade coma esta, co selo cultural como prioridade".
Relacionadas:
-
RADIO.-Sirio Sesenra, creador e divulgador de xogos de rol: "En Galicia hai un rol superpotente"
Por Marisa Ciordia |
-
Un pequeno adianto do 2022 cultural centra o arranque da feira Culturgal
Por Alejandro Espiño |
-
Culturgal abre as súas portas como "punto de confluencia" dunha cultura galega en pleno "rexurdir"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
'Roteiro coa Compaña. Crenzas e medos', proposta de Sanxenxo para o Culturgal
Por Redacción |
-
Obras de artistas que gañaron Novos Valores serán expostas no Culturgal a través do Museo
Por Redacción |
-
A Deputación dará a coñecer no Culturgal a súa programación en igualdade e cultura para 2022
Por Redacción |
-
Culturgal 2021 xa ten reservadas todas as súas casetas
Por Redacción |
-
Culturgal desconfínase e recupera a presencialidade "sen perder de vista a dixitalización"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |