Andaina polos marcos da xurisdición de Cambados no século XVII para celebrar o Día do Patrimonio Mundial
Por Redacción
Este martes conmemórase a sinatura, o 16 de novembro de 1972 en París, da Convención sobre Patrimonio Mundial Cultural e Natural, que establecía as bases para protexer os espazos culturais ao mesmo tempo que se conserva a natureza.
Por este motivo, o Concello de Cambados organiza, en colaboración coa asociación Amigos de Fefiñáns, diversas actividades ao longo da semana. Está previsto que o xoves 18 ás 16.30 horas se desenvolva unha andaina polo roteiro dos Marcos Xurisdicionais do século XVII de Cambados. O percorrido iniciarase en Tragove, onde recentemente se atopou un destes marcos xurisdicionais, o coñecido como 'Bico do Cabo', penúltimo ao norte da liña. Para participar é necesario inscribirse en portavoz@cambados.es
O sábado 20, a partir das 12.00 horas, continuarán as actividades na Casa da Calzada, cunha charla sobre a reforma da Praza de Fefiñáns, prevista para os próximos meses. A arquitecta Paula Alfonso e o historiador cambadés Jacobo Domínguez analizarán a importancia de poñer en valor o centro histórico de Cambados, no vixésimo aniversario da súa declaración como Ben de Interese Cultural.
Xa o domingo 21, a partir das 18.00 horas, a Casa da Calzada volverá acoller outra charla. Nesta ocasión será a cargo de Ezequiel Lago, director dos traballos arqueolóxicos na Torre de San Sadurniño. Presentará os resultados dos traballos recentes realizados na zona arqueolóxica do illote con información sobre as duascentas mostras recollidas nas tres prospeccións realizadas neste espazo.