Culturgal 2021 xa ten reservadas todas as súas casetas
Por Redacción
A convocatoria de reserva de stands para a décimo cuarta edición de Culturgal abriuse no mes de xullo e xa no primeiro mes completouse a reserva do 80% do espazo. Agora, a falta de tres semanas para a celebración do evento, a organización confirma a ocupación do cento por cento do espazo.
Co lema "A cultura que toca", a feira celebrarase entre o 26 e o 28 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra.
"Será a edición do reencontro, a da recuperación, a do contacto directo coa cultura", din desde a organización. Nas últimas semanas esgotouse o cento por cento do espazo, en boa parte debido á convocatoria da área de Cultura da Deputación da Coruña que apoia a participación de 29 empresas e entidades da provincia, financiando o seu stand en Culturgal.
Desde a feira agradecen a confianza dos expositores que participarán nesta nova edición e abren unha listaxe de espera por se se produce algunha baixa.
A actividade da Culturgal 2021, do 26 ao 28 de novembro en Pontevedra, espallarase por todo o Pazo da Cultura apoiándose nas súas dúas columnas: a presenza de case un cento de expositores culturais no recinto feiral (no caso da arte contemporánea situados na Sala de Exposicións do Pazo da Cultura), máis unha programación distribuída en varios escenarios cunha oferta para públicos e intereses diversos.
Actividade profesional na xornada de apertura, música ao vivo, libros, cinema, teatro, programación familiar, exposicións, etc, farán parte desta celebración da cultura que se concentra en tres días. Para a organización da Feira, o levantamento das restricións dos aforos supón unha gran noticia, aínda que reseña o compromiso en todo momento coas recomendacións sanitarias.
A organización da Culturgal ofertou en 2021 sobre plano do recinto feiral de Pontevedra 834 metros cadrados de stands que se reparten en 48 postos de nove metros cadrados e 71 postos de seis metros. En total, son 85 empresas e entidades as que reservaron os 119 postos do plano e as que dotarán de deseño e contido os seus respectivos espazos. No caso de arte contemporánea, espazo situado na Sala de Exposicións do Pazo da Cultura, son 17 espazos os que se ofertan desde Culturgal 2021; algúns deles serán ocupados por institucións como o Museo de Pontevedra ou o CGAC.
No recinto feiral o mundo editorial ocupa boa parte dos stands, con presenza das empresas editoriais máis activas no país que favorecen na Culturgal o contacto directo entre autores e público, presentan os galardóns literarios do ano e anticipan as novidades do vindeiro 2022. Pero tamén empresas centradas na creatividade, no sector da música e das artes escénicas ou nos servizos culturais, terán stand na vindeira Feira, do 26 ao 28 de novembro. Asímesmo, os patrocinadores do evento: a Xunta de Galicia, o Concello de Pontevedra e a Deputación de Pontevedra contarán cos seus espazos de divulgación dentro da Culturgal 2021.
A programación de Culturgal será anunciada nos vindeiros días; coñecido é xa o concerto especial de fin de xira de Tanxugueiras o domingo 28 de novembro e coas entradas no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra practicamente esgotadas. A mediados de mes poñeranse á venda as entradas xerais anticipadas para a feira en enterticket.es cos mesmos prezos que nas últimas edicións: 3 euros entrada xeral, 2 euros até 14 anos e de balde para menores de 3. Ademais, seguirá habendo bonos e packs para familias e grupos.
Relacionadas:
-
Culturgal abre as súas portas como "punto de confluencia" dunha cultura galega en pleno "rexurdir"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
'Roteiro coa Compaña. Crenzas e medos', proposta de Sanxenxo para o Culturgal
Por Redacción |
-
A Deputación dará a coñecer no Culturgal a súa programación en igualdade e cultura para 2022
Por Redacción |
-
Culturgal convida a descubrir todo o talento da cultura galega do 26 ao 28 de novembro en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra busca espazos alternativos ao Recinto Feiral para o 'vacunódromo'
Por Alejandro Espiño |
-
Tanxugueiras pecharán a súa xira en Pontevedra, cun concerto especial no Culturgal
Por Alejandro Espiño |