Pontevedra súmase ao Día Internacional das Bibliotecas con numerosas actividades culturais
Por Redacción
Como cada 24 de outubro, celébrase o Día Internacional das Bibliotecas. E como non podía ser doutra forma, a Biblioteca Antonio Odriozola de Pontevedra sumarase á celebración desta efeméride. Farao desde este xoves, día no que se fará unha liberación de libros ou 'bookcrossing', a partir de obras doadas. Será un aperitivo do que teñen preparado para venres e sábado, nos que os contacontos e a música serán os protagonistas.
O venres 25, Trinketrinke Teatro realizará a actividade Os contos favoritos de Lonxedetodo, que vén acompañada dunha exposición bibliográfica na sala infantil. Destinado a nenos e nenas a partir dos 3 anos, trátase de historias sobre as aventuras dos ratos da biblioteca, que proceden dun lugar chamado Lonxedetodo, onde os libros e a lectura ocupan un lugar sobranceiro na vida da comunidades.
Xa o sábado 26, Migallas Teatro animará a cantar e a bailar a toda a familia co seu libro-disco Pan de millo. Será ás 12 horas. Trátase dun proxecto no que colaboran prestixiosos músicos galegos e no que se ofrecen temas cotiás e ritmos diversos para practicar o xogo e a expresión dramática, recuperar a memoria dos maiores e potenciar o galego.
Estas actividades complétanse coas exposicións que acolle a biblioteca pontevedresa. Para os máis pequenos, presenta Historias de biblioteca, unha selección de obras que ten como protagonistas o libro e as bibliotecas, como nas entretidas historias narradas en Matilda de Roal Dalh o en El secuestro de la bibliotecaria de Margaret Mahy; mentres que para os adultos realiza, baixo o título Libros sobre libros, unha selección de títulos da literatura universal nos que o universo dos libros e das bibliotecas centran a súa trama argumental.