A Orquesta Sinfónica de Galicia volve a Pontevedra cun concerto coa violinista Leticia Moreno
Por Redacción
A Orquesta Sinfónica de Galicia volve a Pontevedra. Ofrecerá un novo concerto, que contará coa participación da violinista Leticia Moreno, no Centro social Novacaixagalicia este xoves 24 de outubro ás 20.30 horas. Baixo a dirección de Andrew Gourlay, a agrupación interpretará a Magnus Lindberg coa súa Expo, o concerto para violín de Esa Pekka Salonen e unha selección de Romeo e Julieta de Serguéi Prokófiev.
Andrew Gourlay, de raíces rusas, naceu en Xamaica e educouse en Xapón, Bahamas, Filipinas e Inglaterra. Trombón e pianista de formación, na actualidade é o director asistente de Sir Mark Elder de Acheina Orchestra e director musical de Acheina Youth Orchestra. Gañou recentemente o Concurso Internacional de Dirección de Orquesta de Cadaqués, que lle asegurou concertos con 29 orquestas ao longo do mundo, incluíndo deFilharmonie e a BBC Philharmonic Orchestra.
Pola súa banda, Leticia Moreno actuou, desde os doce anos, con destacadas orquestras e colaborou con importantes directores de todo o mundo. A violinista estivo invitada polas salas máis recoñecidas do panorama internacional, e foi nomeada BOTO Rising Star para a presente tempada 2013-2014 pola European Concert Halls Organization. Toca un violín de Nicola Gagliano de 1762.
Este concerto enmárcase dentro da iniciativa Quedamos no palco, quedamos coa clásica pola que Novacaixagalicia pon a disposición dos centros educativos, outro curso máis, a posibilidade de que os estudantes de ESO e bacherelato participen nos concertos de música clásica. Para tal fin os docentes que o desexen, poderán solicitar invitacións para os alumnos e alumnas chamando ao teléfono 988 391 746.
A reserva de entradas para o concerto pode realizarse a través das canles habituais de comercialización da fundación: a taquilla telefónica 902 504 500 e a web www.servinova.com. Ademais, aquelas persoas menores de 35 anos poderán adquirir a súa entrada media hora antes do concerto na propia taquilla a un prezo de 5 euros.