Pablo Barreiro, galardón honorífico nos Premios Martín Códax da Música 2021
Por Redacción
Pablo Barreiro, responsable do arquivo sonoro da Radio Galega desde a súa fundación en 1985, será a persoa que recibirá este ano o galardón honorífico dos Premios Martín Códax da Música 2021, que se entregarán en Pontevedra o próximo 27 de outubro.
Produtor, compositor e técnico de son, Barreiro (Forcarei, 1956) é unha figura histórica da música en Galicia e, segundo destaca a asociación Músicas ao Vivo, "abriu sempre novos vieiros para a música feita en Galicia".
Antes de converterse en produtor e soporte de moitos artistas, Pablo Barreiro tamén exerceu de músico grazas a unha guitarra do seu irmán e a un primeiro grupo do que formou parte tras rematar os estudos en Santiago de Compostela denominado Cristal Azul, na década dos 70.
A súa conexión coa música xa chegara antes, na súa infancia en Forcarei, a través do picadiscos do seu paisano e amigo, o cineasta Chano Piñeiro. Para el, anos máis tarde, compuxo a banda sonora das películas Mamasunción (1984) e Sempre Xonxa (1989).
Tamén se encargou da música para varias series de televisión, entre elas Mareas Vivas, e dirixiu as gravacións de bandas sonoras das películas Heroína, De profundis ou Cota Vermella.
O propio Barreiro conta que chegou á parte técnica da música e á enxeñería de son tras constatar o mal que soaban algúns dos proxectos nos que se embarcara como músico.
"Hoxe en día os artistas do país destacan da súa labor o respecto pola sonoridade de cada proxecto que chega ás súas mans e o carácter orgánico, limpo e fiel das súas gravacións", sinala a organización dos Premios Martín Códax da Música.
JAZZ DE RÍA E MARDI GRAS, PREMIOS EXTRAORDINARIOS
Ademais dos proxectos galardoados nas dezasete categorías musicais que recoñecen estes premios, nesta ocasión concederanse tamén dous premios extraordinarios que non se someteron ao escrutinio do xurado pola difícil situación que atravesaron no último ano.
Así, os premios ás salas e festivais de música outorgaranse de xeito directo á sala de concertos Mardi Gras (A Coruña), que recuperou a súa programación este mes tras máis dun ano pechada; e ao festival Jazz de Ría, que celebrou a súa quinta edición entre Narón e Neda.
Relacionadas:
-
Os Premios Martín Códax da Música apostan pola superación da pandemia "como oportunidade para dignificar a profesión"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Gustavo Almeida ou a exposición 'Cantámola en galego', finalistas dos VIII Premios Martín Códax da Música
Por Redacción |
-
Os Premios Galegos da Música volverán a Pontevedra nunha edición cun galardón Organistrum especial
Por Redacción |