A arte da palabra transfórmase en música en Marín con Rayden e García Mc
Por Redacción & Cristina Saiz
Palabra e música. Ese foi o fío condutor do festival Marín é música que se celebrou este sábado no Parque Azul de Cantodarea. Centos de persoas gozaron dos concertos que ofreceron García Mc & Nación Quilombo e o rapeiro madrileño Rayden.
Nun recinto adaptado para a ocasión e co público de pé e con máscara, o festival arrancou coa actuación do galego García Mc, que nesta vibrante e emocionante noite estivo acompañado sobre o escenario por Nación Quilombo.
Ambos ofreceron un espectáculo innovador no marco do rap en galego.
Pouco antes das dez da noite chegaba a quenda do cabeza de cartel. Rayden, no que será o seu único concerto en Galicia este ano, presentou en directo os temas que integran o seu sexto álbum de estudo, titulado Homónimo.
Xunto a novas cancións como La mujer cactus y el hombre globo ou El mejor de tus errores, o madrileño tivo tempo de interpretar algúns dos seus grandes éxitos como Matemática de la carne ou Haz de luz, fusionando xéneros musicais e presumindo do toque lírico das súas letras.
A sorpresa da noite veu da man das Tanxugueiras, que subiron ao escenario para acompañar a Rayden durante o seu concerto.