Na procura de violinistas e violistas para a Orquestra infantil da Filharmónica Cidade de Pontevedra
Por Redacción
A Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra convocou probas de admisión para cubrir prazas na Orquestra Infantil para as especialidades de violín e viola.
Aqueles escolares, con idades comprendidas entre os 6 e os 13 anos, que estean matriculados en conservatorio, escola de música, academia ou estudos particulares acreditados por un profesor destas especialidades de instrumentos poderán presentar a súa solicitude ás probas.
As persoas interesadas deberán cubrir a solicitude e remitila ao correo electrónico: orquesta.ofcp@gmail.com. Esa instancia deberá acompañarse dunha fotocopia do DNI ou do libro de familia, expediente académico actualizado e fotocopia da obra libre que interpretará. En caso de faltar algún destes puntos da documentación, a solicitude será desestimada.
O prazo de presentación da preinscrición finaliza o 26 de setembro de 2021. As probas realizaranse o 2 de outubro e o lugar e horas exactas das audicións notificaranse unha vez que conclúa o prazo de recepción de solicitudes.
As persoas seleccionadas deberán interpretar dúas pezas de libre elección acordes ao último curso académico finalizado e realizaranse sen pianista acompañante. Os resultados das audicións comunicaranse vía correo electrónico, no prazo dunha semana despois da proba.
Os integrantes admitidos adquirirán a condición de membros da orquestra infantil, por un período de dous anos, unha vez cuberta e presentada a folla de matrícula e formalizado o pago da cota anual de 70 euros.