Malasombra Producións estrea o domingo no Pazo Emilia Pardo Bazán a obra "Misión Sapiens"
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
"Misión Sapiens é un espectáculo de autoaxuda que en menos de dúas horas te transformará nun ser humano culto, educado e capaz de manter unha conversa sobre calquera tema sen quedar como un burro". Así definen a obra desde Malasombra Producións, a compañía que o domingo, ás 19.00 horas, traerá ao Pazo Emilia Pardo Bazán, esta comedia protagonizada por Luis Iglesia, Xabier Deive, Marcos Orsi, Xoque Carbajal e Jouse García.
Nela, cinco grandes eruditos de diversos campos intentarán ampliar os coñecementos do espectador en cultura xeral, comportamento e educación, música, libros, películas, deportes, viaxes. "Non é necesario pasarse horas e horas da túa vida lendo libros, escoitando música ou vendo películas. Nós contámosche de que van e ti xa podes participar con orgullo nas charlas dos teus amigos máis cultos sen medo a quedar mal", explican os seus promotores.
Así, ao longo dos 75 minutos deste espectáculo de humor dirixido ao público adulto, os asistentes divertiranse cos monólogos cómicos que conforman o texto. "Sabemos que percorrer o mundo é caro, pero mentir sobre os sitios onde estiveches non costa nada e podes quedar igual de ben diante dos teus colegas e parentes. Axudámosche a preparar as mentiras sobre as túas viaxes para que ninguén saiba nunca que na túa vida fuches máis alá de Pedrafita", apuntan.
O prezo das entradas será de 5 euros e estarán á venda desde unha hora antes da función.
ELENCO ACTORAL
A posta en escena de Misión Sapiens correrá a cargo de cinco actores cunha longa traxectoria en teatro, cine e televisión, como Luis Iglesia, popularmente coñecido pola súa interpretación de Carmelo Matalobos, na serie Matalobos de TVG; na que participa tamén Xabier Deive.
Tamén forman parte do elenco Marcos Orsi, un dos actores con máis prestixio de Galicia no campo teatral e numerosos premios; Xoque Carbajal, que participou en películas como Todo es silencio de José Luís Cuerda, ou Frío de Román Gutiérrez; e Jouse García, galardonado co premio María Casares polo seu traballo en Seis personaxes á procura de autor do Centro Dramático Galego.