Conmemoración en setembro dos vinte anos da Fundación Terra Termarum Castrolandín
Por Redacción
Neste 2021 cúmprese o vixésimo aniversario do nacemento da Fundación Terra Termarum Castrolandín e ao longo deste mes de setembro realizarase un recoñecemento ás persoas que promoveron este proxecto de importancia para a vila de Cuntis e que se converteu nun referente no seu ámbito para toda Galicia.
Este colectivo conseguiu dar o valor actual ao Castro de Castrolandín coa importancia turística que ten para a zona e para fomentar os valores patrimoniais.
A programación prevista desenvolverase entre o 4 e o 18 de setembro de 2021, na sede da Fundación, no Auditorio José Raído Patelas e no Castro de Castrolandín.
Ás 10.00 horas do 4 de setembro, na sede da Fundación, está previsto un acto de inauguración da exposición das pezas orixinais de maior relevancia que foron atopadas no castro. O Auditorio acollerá unha mesa redonda a partir das 10.30 horas.
Para participar nas diferentes actividades é necesario enviar solicitude de inscrición ao correo ceramica@castrolandin.es ou a través do teléfono 986.532.668 en horario de martes a venres de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas, mentres que os sábados en horario matinal de 10.30 a 13.30 horas.