Talía abre o ciclo de Ponteatro este xoves con 'El Método Gronholm', unha obra de executivos que buscan emprego
Por Anxo Lourido
Este xoves 17 de outubro comeza o ciclo Ponteatro que trae aos escenarios do Principal e do Pazo da Cultura aos mellores espectáculos do ano en Galicia.
A obra que inicia este ciclo é El método Grönholm de Jordi Galcerán, interpretada pola compañía Talía Teatro e dirixida por Xulio Lago. O argumento céntrase en catro executivos que aspiran a un posto de traballo nunha grande empresa. Esta obra contou cunha versión cinematográfica baseada no mesmo texto de Galcerán.
Na presentación do espectáculo no Concello, os actores Artur Trillo e María Ordóñez explicaban que se trata dunha obra que decidiron montala "por motivos comerciais" xa que é un texto que dende o 2003 leva funcionando nos teatros de toda Europa e en América do Sur.
Os representantes da compañía sinalaron que "non abaratamos custos e montamos un espectáculo cunha escenografía para a que hai que empregar dous camións de transporte. Entra polos ollos".
Trillo indicou que "é un acerto que haxa unha función para estudantes pola mañá porque é dous espectáculos que ou van asumir moi ben porque tén ese punto atractivo para eles". Alumnos de Luis Seoane, Los Sauces e do IES Poio asistirán á función matinal do xoves.
A función para todos os públicos comezará este xoves 17 ás 21 horas no Teatro Principal.
Prezo por función 8,00 - Estudantes, parados e xubilados 4,00
Aboamento para todas as funcións: 42,00
Aboo para todas as funcións estudantes, parados e xubilados: 28,00