A Filarmónica abre unha nova tempada con nove conciertos xa programados
Por Redacción
A Sociedad Filarmónica de Pontevedra inicia a súa nova tempada de concertos. Unha tempada, a 93, na que os socios poderán gozar de nove concertos, catro deles sinfónicos. Abrirase o luns 21 de outubro no Teatro Principal, coa actuación do Quinteto de Vento Solistas da Orquestra Sinfónica de Galicia, que ofrecerá obras escritas para esta combinación de instrumentos por Holst, Respighi e Nielsen.
O luns, 25 de novembro, tamén no Teatro Principal, actuará a moza pianista coreana Ah Ruem Ahn, gañadora do Segundo Premio do XVII Concurso Internacional de Piano de Santander (2012), que interpretará obras de Albéniz, Beethoven e Schubert.
En colaboración coa Fundación Novacaixagalicia, a Sociedade Filharmónica de Pontevedra ofrecerá aos seus socios o primeiro concerto sinfónico, o venres 29 de novembro, no Auditorio do Centro Cultural Novacaixagalicia. Estará a cargo da Real Filharmonía de Galicia, con obras de Mozart e Gade no programa, e actuando Pablo Mielgo como solista de piano e director.
Xa en 2014, o venres 17 de xaneiro, no Teatro Principal, actuará o Cuarteto Lotus, un das agrupacións camerísticas de corda máis importantes do actual panorama musical. Ofrecerán, ademais, dous dos máis grandes cuartetos de corda da historia da música, o op. 131, de Beethoven, e o D 887, de Schubert.
Os dous seguintes concertos da tempada musical da Sociedad Filarmónica de Pontevedra, tamén se celebrarán en colaboración coa Fundación Novacaixagalicia, e estarán a cargo, de novo, da Real Filharmonía de Galicia. O primeiro deles terá lugar o venres, 7 de febreiro, no Auditorio do Centro Cultural Novacaixagalia. Baixo a dirección do seu titular, Paul Daniel, a orquestra ofrecerá o Concerto para piano n.º 1 de Mendelssohn e a Sinfonía n.º 3 Heroica de Beethoven, actuando como solista Behzod Abduraimov.
O seguinte concerto desta agrupación sinfónica celebrarase o venres 21 de marzo. Nesta ocasión estará dirixida por Antoni Ros Marbá, e ofrecerá un programa con obras de Mozart e Mendelssohn.
Iván Zenaty (violín) e Stanislav Bogunia (piano) será o dúo que actuará para a Sociedad Filarmónica o luns 31 de marzo, no Teatro Principal, cun programa no que se inclúen obras de Ysaye, Richard Strauss, Sarasate e Drdla.
O 28 de abril, luns, tamén no Teatro Principal, será a quenda do prometedor pianista húngaro János Palojtay, terceiro premio do XVII Concurso Internacional de Piano de Santander (2012). Palojtay ofrecerá en Pontevedra obras de Beethoven, Ravel, Bartók e Liszt.
Como vén sendo habitual nas últimas tempadas, a Sociedad Filarmónica de Pontevedra clausurará o seu ciclo de concertos 2013-2014 coa actuación da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, mantendo así a estreita colaboración entre ambas as dúas entidades. Neste concerto, que se celebrará o día 14 de maio no Teatro Principal, poderanse oír obras para orquestra de corda de Braga-Santos, Copland, Britten e Bartók.
Para os concertos que se celebrarán no Auditorio do Centro Cultural Novacaixagalicia, os socios da Sociedad Filarmónica de Pontevedra terán acceso gratuíto á sala, pero tendo en conta que as entradas están numeradas, poderán retirar as mesmas ben no local social da Sociedade (rúa Tetuán, 2 - baixo Teatro Principal) durante os dous días inmediatamente anteriores ao concerto, de 17.00 a 20:00 horas, ou ben no vestíbulo do Auditorio o mesmo día do concerto, de 19.30 a 20.15 horas.
Relacionadas:
-
A Real Filharmonía de Galicia asina un acordo de colaboración coa Sociedade Filharmónica pontevedresa
Por Redacción |
-
A Sociedad Filarmónica trae a Pontevedra a aclamada pianista coreana Ah Ruem Ahn
Por Redacción |
-
O Quinteto de Vento Solistas da Orquestra Sinfónica de Galicia abre a tempada da Sociedad Filarmónica
Por Redacción |