'Cinema e Estrelas' levará a sétima arte á praza da Pedreira
Por Redacción
O programa de verán ‘O Son da Rúa’, organizado polo Concello de Pontevedra, ofrece entre o 2 e o 6 de agosto a posibilidade de ver algunhas das mellores películas dos últimos anos e unha clásica, grazas á selección realizada polo Cineclube Pontevedra.
As proxeccións serán na praza da Pedreira e comezarán ás 22:30, media hora antes do previsto inicialmente para adaptarse á normativa sanitaria que non permite as reunións entre non conviventes a partir da unha da madrugada.
Todas as películas ofrécense en Versión Orixinal con subtítulos en castelán, agás O que arde, que se ofrecerá na Versión Orixinal en galego.
LUNS 2 DE AGOSTO - EU, TONYA
Craig Gillespie, 2017. EE UU. Duración: 120 min, VOSE
Con formato de falso documental, Eu, Tonya achéganos á vida e á traxectoria da patinadora sobre xeo Tonya Harding (Margot Robbie), a primeira estadounidense que foi quen de conseguir un triplo axel en competición internacional. Malia proceder dun contexto socioeconómico pouco favorable ás elitistas esixencias da alta competición e malia as múltiples violencias ás que foi sometida dende pequena, por parte da nai (Allison Janney), do marido e do propio sistema, Harding revelouse na década dos 90 coma unha das patinadoras estadounidenses máis persoais e prometedoras. Todo muda cando se ve implicada nun ataque contra a súa rival, Nancy Kerrigan, o que supuxo o final da súa carreira como patinadora e un dos maiores escándalos na historia deportiva.
MARTES 3 - TRES ANUNCIOS NAS AFORAS
Martin McDonagh, 2017. EE UU. Duración: 112 min, VOSE
Mildred Hayes (Frances McDormand) decide iniciar pola súa conta unha guerra contra a policía da súa vila ao considerar que esta non fai nada para resolver o caso da súa filla adolescente, que foi asasinada. Por medio da contratación dos tres paneis publicitarios que conducen á súa vila, consegue chamar a atención sobre o crime sen resolver e sinalar ao xefe de policía, William Willoughby, como responsable da pasividade policial. Cando o segundo de Willoughby, Dixon, un inmaduro neno de mamá afeccionado á violencia, entra en acción, a guerra entre Mildred e as forzas policiais de Ebbing non fai máis ca empeorar.
MÉRCORES 4 - O QUE ARDE
Oliver Laxe, 2019. Galicia. Duración: 89 min, VO
Ninguén agarda a Amador cando sae da cadea tras cumprir condena por ter provocado un incendio. Regresa á súa casa, unha aldea perdida das montañas lucenses, onde volverá convivir coa súa nai Benedicta, a súa cadela Luna e as súas tres vacas. As súas vidas transcorren ao ritmo sosegado da natureza, ata que todo cambia cando un lume violento arrasa a zona.
XOVES 5 - PARÁSITOS
Bong Joon-ho, 2019. Corea do Sur. Duración: 132 min, VOSE
Toda a familia de Ki-taek vive en condicións deplorables na cidade de Seúl, con traballos precarios e aproveitando a mínima oportunidade para gañar algo de cartos. Todo muda cando un dos fillos logra que lle recomenden para dar clases de inglés en casa da adiñeirada familia Park. Logo de gañarse a confianza da dona da casa, é quen de ir pouco a pouco acomodando os membros da súa familia para desempeñar labores do fogar. É o comezo dunha engranaxe incontrolable, da que ninguén ha saír indemne.
VENRES 6 - A NOITE DO CAZADOR
Charles Laughton, 1955. EE UU. Duración: 93 min, VOSE
Ben Harper (Peter Graves) é atrapado pola policía tralo seu último e desesperado golpe, pero consegue deixar os dez mil dólares do botín agachados no interior da boneca de trapo da súa pequena filla Pearl. No cárcere, á espera da súa execución, o seu compañeiro de cela, o reverendo Harry Powell (Robert Mitchum), pastor de máis ca dudosa moralidade, consegue sonsacalo sobre a existencia da substanciosa bolsa. Así que remata a súa condena, non ha ter outro obxectivo que o de localizar á familia Harper para se apoderar do diñeiro.