Cultura Quente volverá fomentar a creatividade local neste verán 2021
Por Redacción
Cultura Quente chega á súa 24 edición nun novo ano marcado pola pandemia. O goberno local de Caldas de Reis, debido á situación sanitaria, volveu a establecer unha programación cultural durante os meses de xullo e agosto con actividades nas que se prima a difusión da creatividade local, adaptando todas as accións ás recomendacións para evitar contaxios.
Os eventos realizaranse en diversos puntos da vila coa idea de ofrecer animación en distintas zonas dinamizando aos sectores da hostalería e do comercio ao longo de todo o verán promovendo o turismo de proximidade, segundo indicou o alcalde Juan Manuel Rey na presentación.
A programación comezará o 1 de xullo coas actividades multideporte no pavillón, a apertura da exposición fotográfica 'Matemáticas nun clic' na Oficina de Turismo, organizada pola Rede de Divulgación Dima co colexio Afonso VII; e a sesión de narración oral 'Contos para caghar patatillas' da compañía Tarabelos dentro do programa A Biblioteca no Xardín.
O venres 2 de xullo, ás 12.00 horas, Charo Pita ofrecerá unha sesión de animación á lectura. Ás 20.30 horas, Manuel Losada presentará na Biblioteca o libro 'El Misterio de la Isla de Cortegada'.
Será o sábado 3 de xullo cando comecen as actuacións musicais co DJ Óscar e Pablo Balseiro, no Campo da Torre. O domingo 4 está previsto pasacalles e vermú coa Fanfarria Os Encerellados. Os concertos van desenvolverse durante todas as fins de semana do verán.
O sábado 10, no anfiteatro da Tafona, ás 20.30 horas actuará o Dj Moe de teloneiro de Froján, que presentará o seu disco 'Huir'', mentres que o domingo o grupo de gaitas Maquía actuará por diferentes zonas da vila.
O venres 16, a Praza de Abastos acolle a presentación do libro 'A forma do papel', de Mara Dres. E o sábado 17 será a quenda para as actuacións nas Palmeiras de Diego Méndez e do grupo Horizonte. Xa o domingo amenizará a mañá a Fanfarria Furruxa.
O Dj Xabi e o grupo Jazz Frecuency Group actuarán o 24 no Campo da Torre. Á mañá seguinte, a Fanfarria Furruxa volverá animar o centro do municipio.
O 30 de xullo, o Fogar do Maior acolle a celebración do 'Día dos avós'. A partir das 21.00 horas, a compañía de teatro Malasombra ofrecerá nas Palmeiras a comedia 'Habeas corpus'. Durante a fin de semana as actuacións musicais serán no anfiteatro da Tafona cos concertos de Ola Perdida e Brutal.
En agosto está prevista a celebración do festival Kaldarte e diversas actividades con motivo da festas patronais. Durante a presentación dos actos, o alcalde Juan Manuel Rey e a concelleira de Cultura, María López, destacaban que a programación busca a participación de artistas e músicos caldenses, ademais de favorecer a reactivación económica e social.