'Vilagarcía, Cidade de Libro' comeza co Libro con Rodas e cambios na programación debido á chuvia
Por Redacción
A choiva obrigou a variar a programación na xornada inicial de 'Vilagarcía, Cidade de Libro'. Segundo a organización do Concello de Vilagarcía, a intención é que se celebren nas mellores condicións todos os actos programados.
Desta forma, a presentación prevista en Cortegada será trasladada ao mércores; o teatro da noite, 'Dous no Camiño', de Culturactiva con Isabel Risco e Fran Rei, subirase ao escenario do Salón García e o resto de actividades ao aire libre iranse modificando para adaptarse á axenda dos próximos días.
A acción que se desenvolveu sen incidencias durante esta xornada foi a do Libro con Rodas, nos colexios de Rubiáns, de Vilaxoán e da Lomba. O actor vilagarcián Josito Porto levou polos centros educativos os 'Contos no Camiño'. Esta proposta poderase ver tamén o mércores 23, venres 25 e sábado 26 ás 18.00 horas, na Praia Compostela. O xoves 24, ás 19.00 horas, na Praza da II República e o domingo 27, ás 12.00 horas, na Praia Compostela.
As casetas das librerías e das editoriais abriranse a partir deste martes 22. Nesa mesma xornada está previsto o evento literario da Mesa dás Verbas, que presentará o novo número da súa revista ' Anaco'. A través deste colectivo, a poeta Andrea Fernández Maneiro ofrecerá un recital baixo o título 'Letra de Muller'. Será ás 21.00 horas coa intervención das escritoras Marilar Aleixandre, Arantxa Portabales e Nieves Abarca, dirixido pola escritora vilagarciá Montse Fajardo.