O grupo Gothic Voices actúa por primeira vez en Galicia cun concerto en Armenteira
Por Redacción
O festival de música e patrimonio Espazos Sonoros 2013 trae por primeira vez a Galicia o grupo Gothic Voices. A formación actuará este domingo 6 de outubro, ás 19.00 horas, cun concerto na igrexa de Santa María de Armenteira, en Meis. Alí farán un percorrido musical por Europa a través de obras de grandes compositores dos séculos XI ata o XVI, coma Francesco Landini, Guillaume de Machaut, Gullaume Dufay ou Francisco de Peñalosa.
Gothic Voices, fundado hai xa vinte e cinco anos polo músico e investigador inglés Christopher Page, é un dos grupos vocais de maior sona en todo o mundo, amplamente coñecido pola técnica e espiritualidade coas que se enfrontan e difunden os repertorios da música medieval europea.
Cunha dilatada carreira que os levou aos máis destacados escenarios do mundo e a obter numerosos premios e unha ampla produción discográfica, Gothic Voices está integrado por na actualidade polos cantantes Catherine King, mezzo-soprano; Julian Podger, tenor; Leigh Nixon, tenor; e Stephen Charlesworth, barítono.
O seu programa leva o suxestivo título de Grand Tour e pretende recrear o tempo no que a educación de calquera aspirante a cabaleiro inglés non era completa ata que este emprendía esta "gran viaxe", unha rolda arredor de Europa para coñecer as principais culturas e linguas doutros países.
Tomando como argumento esta travesía de aventura e descuberta dos cabaleiros medievais, o programa convida o público a realizar unha viaxe musical para percorrer as obras seculares e sacras máis deliciosas de cinco países, a través de seis séculos de historia.
Este sábado 5 de outubro o ciclo Espazos Sonoros , promovido pola Consellería de Cultura e Educación a través da Secretaría Xeral de Cultura, tamén abre o prazo para a inscrición no obradoiro de improvisación musical que terá lugar no Museo Massó, en Bueu, da man dos compoñentes do grupo The Delightful Companion.