![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MgJyq/Lzc52L8gt0zCwMdI_/_wNDHSSU/NKUot0SvILlKxrAQ==_/534873a0075b5-exposicion_a_paz_cuestion_de_fondo_01b800.jpg)
© Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
A exposición "A paz, cuestión de fondo", do Fondo Galego de Cooperación, chega a Poio
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/534873aa21f14-fondo-galego.jpg)
© Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
As concellerías de Igualdade e Educación do Concello de Poio xunto co Centro de Información á Muller, inauguran este martes a exposición titulada A paz, cuestión de fondo, unha mostra do Fondo galego de Cooperación e Solidariedade que durante o mes de outubro estará no Instituto Fontenla de Poio.
A exposición, está formada por 16 láminas que presentan dous debuxos cada unha, de ilustradores de 16 países. Entre outros, figuran os galegos Oti, Pepe Carreiro, Hortas, Xaquín Marín e Carlos Silvar, xunto co catalán Perich, os cubanos Arístides Hernández, Francisco Villamil, Francisco Blanco Ávila, Manuel Hernández e Miguel Betanys ou o mexicano Arturo Kemchs.
Tamén participan artistas doutros países como o francés Bahgory, o colombiano Carlos Hernández, o exipcio M. Effat, os turcos Halim Kutlu, Hüseyin Gakmak, Shahil Balikçi e Mehmet Kahraman, a moldava Valeria Kurtu, o portugués Onofre Varela ou o coreano Wonsoo.
Todos reflexionan, a través das súas ilustracións, algunhas acompañadas dunhas palabras, sobre os prexuízos que operan acerca da paz, do racismo, da pobreza e da violencia, das diferenzas sociais ou da guerra.
A exposición propón "verdades en miniatura que retratan a sociedade contemporánea, que serve de repaso á realidade actual e tamén como punto de debate cargado de sátira e ironía para amosar a cruenta realidade". Os organizadores subliñan que "a pobreza é unha forma de inxustiza social, un xeito de violencia estrutural que nega as condicións mínimas de desenvolvemento humano e xera situacións de exclusión, racismo e violencia".
A exposición achega ademais material didáctico para que o profesorado traballe co alumnado os temas da mesma.