O director de 'Arraianos' achega a creación documental aos universitarios
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O director de cine Eloy Enciso impartirá durante o mes de outubro un obradoiro centrado no xénero documental na Casa das Campás. O documentalista ofrecerá un curso de tipo práctico e aberto que buscará a participación dos asistentes. O fío condutor destas clases céntrase en curtametraxes ou fragmentos de longametraxes nas que se estudará como se pode retratar visualmente a unha persoa ou a un colectivo.
Eloy Enciso, director do documental Arraianos, expón que este xénero "é máis novo, diverso e libre que o propio cine; un feito que, desgraciadamente, os medios convencionais non mostran". Neste sentido, o curso centrarase en "buscar imaxes e sons que consigan transmitir a intensidade e a alegría de estar a participar en algo vivo". A proposta englóbase dentro dunha actividade de formación continua que promove a Vicerreitoría e dirixe a profesora Beli Martínez da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.
O director xa colaborara coa Universidade de Vigo hai un ano no campus de Pontevedra para impartir unha clase maxistral sobre o xénero docmental en Comunicación Audiovisual.
Para poder participar neste curso é preciso apuntarse na Casa das Campás antes do 4 de outubro. O prezo da matrícula é de 40 euros pero con descontos para os bolseiros do Ministerio e os alumnos da Universidade de Vigo.